O oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela chega a súa fin tras dous anos de dinamización turística e cultural
A conmemoración da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela que Galicia ven celebrando dende mediados de 2013 chegou onte á súa fin.
Este extraordinario período dedicado ao aniversario da memoria da viaxe de San Francisco, pero fundamentalmente ao seu legado a nivel iconográfico, artístico e de patrimonio inmaterial, foi clausurado hoxe nun acto que contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o Ministro Provincial dos Franciscanos, José Antonio Castiñeira.
O alcance global da peregrinación a Santiago de Compostela e a popularidade ecuménica do Santo de Asís converteron esta conmemoración nun evento de alcance internacional que uniu as sensibilidades xacobea e franciscana.
Durante o acto de clausura, a directora de Turismo de Galicia destacou que esta celebración impulsou a dinamización turística e cultural de Galicia a través dos significados e valores da peregrinación xacobea dun dos grandes personaxes da historia da Humanidade.
“Esta conmemoración acadou unha transcendencia nacional e internacional que puxo de manifesto o recoñecemento da figura do Santo de Asís e a amplísima tradición do seu paso polo Camiño de Santiago”, afirmou Nava Castro.
A directora de Turismo de Galicia fixo balance do amplo programa celebrado no marco desta conmemoración que incluíu todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, actuacións de investigación, así como iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante.
Así, Nava Castro sinalou que se celebraron numerosas exposicións que recibiron máis de 270 mil visitantes e converteron Galicia no epicentro cultural durante este período de celebración.
Así mesmo, Galicia converteuse no escenario de grandes eventos como a final de La Vuelta, a peregrinación conmemorativa desde Asís ou a Primeira Travesía Náutica desde Xénova a Galicia, entre moitos outros.
Ademais, grazas a esta celebración a nosa comunidade tivo a oportunidade de albergar grandes citas congresuais como o Congreso Internacional sobre Turismo Peregrinacións e da OMT, a reunión do Consello Executivo da OMT ou o Primeiro Encontro Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.
A directora de Turismo de Galicia destacou que esta efeméride déixanos ademais como legado un total de 20 publicacións e a restauración de pezas de grande valor que recuperaron o seu esplendor como o Pazo de Xelmírez, a Cruz de Allariz e o Retablo de Santo Antonio de Herbón.
O Oitavo Centenario tamén foi música e teatro, xa que a través de programas como Cultura no Camiño máis de 170 concellos galegos puideron gozar de 700 actuacións.
Por outra parte, a responsable de Turismo da Xunta resaltou que esta celebración serviu como estímulo para a participación do sector privado en numerosos proxectos.
Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia recordou que neste ano comeza outro período moi especial, un Ano Santo extraordinario convocado polo Papa que comezará o próximo decembro e que estará centrado nun dos seus conceptos máis predicados: a misericordia.