A Xunta e o Exército reforzan o seu compromiso na loita contra incendios no monte galego coa sinatura dun convenio de colaboración
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e o director xeral de Política de Defensa, Juan Francisco Martínez, asinaron esta semana pasada o convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e o Ministerio de Defensa para reforzar a vixilancia nos montes galegos, co obxectivo de disuadir e reducir a actividade incendiaria.
A colaboración entre o Ministerio e a Xunta de Galicia para a prevención de incendios vense producindo dende o ano 1999. O convenio ratificado para esta época estival, que comprenderá o período entre o 15 de xullo e o 15 de setembro, supón a novena reedición do acordo.
O Ministerio de Defensa levará a cabo os despregamentos que se sumarán ao dispositivo de loita contra incendios, que na tempada de alto risco acada os 7.000 efectivos despregados nos montes galegos. O executivo galego será o encargado de financiar o importe dos gastos que se produzan con motivo desta colaboración. O orzamento previsto para o recoñecemento, despregamento, actividade operativa e relevos da unidade das Forzas Armadas ascende a un total de 569.195 euros, aínda que se manexan diferentes presupostos atendendo aos posibles niveis de perigosidade.
O volume dos despregamentos operativos tamén atenderá a eses criterios, que comprenden dende o risco medio; correspondente a unha situación de normalidade; ata moi alto. Así, incluiranse 25 patrullas terrestres no primeiro grao, 50 e un helicóptero no segundo e 75 e dous helicópteros no último. As zonas de vixilancia previstas poderán modificarse en función das necesidades operativas pero contan coa división inicial por distritos para as terras do Barbanza, Fisterra, O Condado-Paradanta, Valdeorras-Trives, Verín-Viana e A Limia.
Con este convenio mellórase a eficacia na prevención, vixilancia e disuasión dos lumes, co que se contribúe a mellorar tamén a seguridade das persoas e os bens, así como a defender a riqueza forestal de Galicia.