A directora de Turismo de Galicia participa na viaxe inaugural do tren turístico da ruta dos viños de Valdeorras-Ribeira Sacra
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou onte na viaxe inaugural do Tren Turístico das Rutas dos Viños de Valdeorras-Ribeira Sacra. Este percorrido forma parte dos sete trens turísticos do programa “Galicia a todos tren” que un ano máis Turismo de Galicia pon en marcha coa colaboración de Renfe e do Inorde.
A directora de Turismo de Galicia explicou que este programa constitúe unha iniciativa innovadora que proporciona ao viaxeiro un novo modo de descubrir o noso territorio e algúns dos nosos recursos turísticos máis singulares. “Os trens turísticos son un exemplo de colaboración para ofrecer un produto de calidade grazas á creación de sinerxías que combinan o aproveitamento turístico do territorio e a preservación do medio ambiente”, afirmou.
Nava Castro resaltou que para este 2015 melloráronse os itinerarios e incluíronse novos proxectos ao programa que amplían a oferta turística de Galicia e fomentan o desenvolvemento sostible do sector turístico galego. “Un programa moi completo que permite descubrir a nosa comunidade dun xeito distinto e que incrementa a competitividade de Galicia como destino turístico”, afirmou.
Segundo afirmou a responsable de Turismo da Xunta, o programa está a acadar gran acollida un ano máis. Neste senso sinalou que da totalidade das prazas ofertadas para esta tempada xa se venderon o 25%, cando no ano pasado nestas datas estaba vendido o 12% das prazas ofertadas.
Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia recalcou que este produto permitirá seguir mellorando as cifras turísticas da Ribeira Sacra e coñecela dende una perspectiva innovadora. Así, lembrou que no 2014 máis de 152 mil viaxeiros aloxáronse nos establecementos hoteleiros da Ribeira Sacra, o que supuxo un incremento do 20% en relación á cifra de viaxeiros do 2013. “Neste ano, esta cifra vai en aumento xa que nos cinco primeiros meses deste ano a Ribeira Sacra acolleu a case 52 mil viaxeiros, un 50% máis que no mesmo período de 2014”, destacou Nava Castro.
Percorrido do tren e próximas viaxes inaugurais
O tren da Ribeira Sacra-Valdeorras realizou o seu percorrido inaugural partindo ás 9.40 horas da estación de Ourense.
Os viaxeiros chegarán a esta mesma estación ás 20.58 horas, logo de pasar a xornada nas denominacións de orixe protexidas da Ribeira Sacra e Valdeorras.
Logo da partida, o tren diríxese cara a Santo Estevo de Ribas de Sil, onde os viaxeiros farán unha travesía en catamarán desde o embarcadeiro de Santo Estevo polo encoro do mesmo nome. Máis tarde visitarán unha adega adscrita á Denominación de Orixe Protexida Valdeorras, onde se desenvolverá unha cata dos viños máis senlleiros da zona e unha pequena degustación de produtos gastronómicos locais. Logo do xantar, os viaxeiros diríxense en autobús cara o Santuario das Ermidas, no Concello do Bolo, e no traxecto poden coñecer a parte occidental da comarca ourensá de Valdeorras.
Tras volver á estación da Rúa-Petín, onde collen o tren de regreso a Ourense, os viaxeiros farán un alto na ruta para visitar a Aula do Ferrocarril, situada na histórica estación dos Peares. Desde aquí, xa no tramo final da ruta, achéganse ata Ourense, onde remata a xornada.
Nas próximas semanas poranse en marcha tamén o tren da Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e o tren da Ruta do Viño do Ribeiro – o sábado 11 de xullo- e o tren da Ruta do Viño de Monterrei –o sábado 18 de xullo-.