A Evega organiza un congreso sobre a investigación en Galicia nos eidos da viticultura e a enoloxía
A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, EVEGA, organizará o vindeiro 23 de xuño na capital ourensá o Congreso de Investigación en Viticultura e Enoloxía en Galicia. Este centro, dependente da consellería de Medio Rural e Mar, contará coa axuda da Deputación Provincial de Ourense e e do Instituto Galego da Calidade (INGACAL) para desenvolver as xornadas, nas que se busca profundar en materia de I+D+i do sector vinícola.
A principal meta da xuntanza é abrir canles de colaboración entre os diferentes profesionais do sector. Con esta idea, a asistencia é aberta para persoal investigador, viticultores, adegueiros, enólogos, estudantes e persoal de adegas e consellos reguladores. Tamén se buscará dar un primeiro paso na creación dunha plataforma científica mediante a que unificar esforzos en investigación.
De xeito máis xeral, os obxectivos básicos son establecer as liñas básicas de traballo actuais e como orientalas cara o futuro, establecer relacións cara a futuras colaboracións para acadar a maior eficiencia tendo en conta os recursos dispoñibles e, por último, evidenciar o papel fundamental da I+D+i.
Este congreso é pioneiro en Galicia no eido da viticultura e enoloxía e contará coa participación dun total de 50 investigadores de 15 grupos diferentes, entre eles a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e distintos departamentos das Universidades de Vigo e de Santiago. Os temas que abranguerán os relatorios van dende o presente e futuro das variedades autóctonas ata aspectos máis técnicos coma a agroinformática ou a aerobioloxía.