Nava Castro destaca a importancia de promover o labor científico e divulgativo no sector termal
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na presentación do libro ‘La balneoterapia: del empirismo a la evidencia científica’ editado pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e Balnearios de Galicia.
O acto, celebrado no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, contou coa participación do reitor da USC, Juan Viaño, o decano da facultade de Medicina e director de Cátedra, Juan Gestal, e o profesor da USC Manuel Freire.
O libro recolle as intervencións dunhas xornadas que se celebraron no curso 2010/11 dentro das cales diversos especialistas analizaron con detalle a evidencia actual sobre as vantaxes da balneoterapia na prevención e tratamento de procesos tumorais así como na recuperación de doentes afectados por procesos oncolóxicos.
A publicación recompila un total de sete artigos de especialistas da Universidade de Santiago, do Servizo Galego de Saúde e dos Balnearios de Guitiriz e Termas de Cuntis nos que, entre outros temas, se trata a importancia da balneoterapia neste tipo de tratamentos e afeccións.
Durante a presentación a directora de Turismo de Galicia destacou a importancia de promover o labor científico e divulgativo no sector termal. “Este libro que hoxe presentamos así como as sesións monográficas que nel se recollen son de gran valor para continuar crecendo no sector termal e consolidar a nosa Comunidade como un destino termal de referencia a nivel internacional”, afirmou a responsable de Turismo da Xunta.
Nava Castro sinalou que o feito de contar cunha docencia específica sobre o turismo de saúde incrementa non só a formación e a investigación no sector, senón tamén a súa competitividade e especialización.
A responsable de Turismo da Xunta resaltou a Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago, primeira en Galicia e segunda en España, que, segundo afirmou, “leva dende 2010 fomentando a docencia, a investigación e a difusión dos coñecementos no campo da Hidroloxía Médica”. Así mesmo, destacou o máster impartido na Universidade de Vigo sobre dirección e planificación do turismo interior e de saúde que, segundo sinalou, ofrece aos seus alumnos todas as ensinanzas necesarias sobre o aproveitamento turístico dos recursos termais.
“Somos conscientes de que o fomento da formación e o desenvolvemento de estudos sobre a demanda deste tipo de produto é fundamental”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.
Neste senso, Nava Castro sinalou que no Plan Termal, elaborado para fortalecer o sector turístico termal da provincia de Ourense e a consolidar e posicionar Galicia como destino termal global, unha das liñas estratéxicas está dedicada ao coñecemento termal.