O curso académico comezará en infantil e primaria o 10 de setembro
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) o calendario escolar do curso 2015/16 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia. Cómpre lembrar que o calendario pasou pola Mesa Sectorial do pasado día 2 de xuño, onde que se acordou que o mércores de cinza (10 de febreiro de 2016) fose non lectivo; polo que o remate do curso se situou un día máis tarde do previsto inicialmente.
De acordo co calendario hoxe publicado as clases comezarán o día 10 de setembro de 2015 e rematarán o día 22 de xuño de 2016 para as alumnas e alumnos de 2º ciclo de educación Infantil, Primaria e Educación Especial. No caso da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), do Bacharelato e da Formación Profesional as clases empezarán o día 15 de setembro de 2015 e acabarán o día 22 de xuño de 2016. Nas ensinanzas de réxime especial as actividades lectivas realizaranse entre os días 15 de setembro de 2015 e 30 de xuño de 2016, de acordo cos calendarios de probas de acceso e probas de certificación establecidos para cada unha delas.
No referido aos períodos de vacacións, o Nadal irá do 21 de decembro de 2015 ata o día 6 de xaneiro de 2016, ambos inclusive; o entroido celebrarase os días 8, 9 e 10 de febreiro de 2016; e a Semana Santa abranguerá desde o día 21 ata o 28 de marzo de 2016, ambos inclusive.