Unha delegación do Goberno filipino visita Galicia para coñecer a experiencia turística da Comunidade galega
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu hoxe a unha delegación do Goberno de Filipinas que estes días visita Galicia para coñecer a experiencia turística da Comunidade galega.
Nesta xuntanza, Nava Castro, fixo un repaso pola oferta, salientado as posibilidades que ofrece o territorio galego como multidestino turístico. A directora de Turismo de Galicia explicou os principais produtos do turismo galego e tamén se referiu ás distintas zonas do territorio que conforman a marca Galicia.
Nava Castro, que estivo acompañada nesta reunión pola directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, explicoulles tamén as principais liñas de promoción que desenvolve o departamento que dirixe, engadindo datos sobre as políticas de fomento ao sector e a estrutura deste en Galicia, así como da propia organización Turismo de Galicia.
Visita ao CSHG e á sede do Xacobeo
Logo desta reunión con Nava Castro, a misión filipina, encabezada pola subsecretaria de Turismo de Filipinas, María Victoria Jasmin, que está acompañada polas directoras rexionais María Ong-Ravanilla e Nelly Dillera, ademais do alcalde da cidade de Legazpi, Noel Rosal, puido coñecer o funcionamento do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG).
Na visita a este centro docente dependente de Turismo de Galicia estiveron acompañados pola súa directora, Patricia Cuevas, quen lles explicou o funcionamento da institución tanto no eido de aloxamento como de cociña.
Máis tarde, os representantes do Goberno filipino trasladáronse á sede da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, onde foron recibidos polo seu xerente, Rafael Sánchez Bargiela.
Sánchez Bargiela faloulles do Camiño de Santiago, as súas rutas e todo o que supón o fenómeno xacobeo, tanto en Galicia como no resto do mundo.
Ademais, referiuse ás tarefas de conservación e promoción da Ruta, facendo especial fincapé nos Anos santos.
Nesta reunión, o xerente do Xacobeo tamén lles explicou o funcionamento da rede de albergues do Camiño de Santiago, así como o papel da Administración autonómica na recepción e atención aos peregrinos.