A Xunta de Galicia impulsa o emprendemento entre os máis novos desde o ensino a través de formación, do asesoramento e da posta a disposición de viveiros de empresa
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, puxo hoxe en valor no Parlamento as accións de impulso e fomento do emprendemento que desenvolve a Xunta de Galicia, e que se articulan fundamentalmente a través do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia (Eduemprende), desenvolvido polo seu departamento en colaboración coa Consellería de Economía e Industria. Unha estratexia baseada na formación, no asesoramento e na posta a disposición de viveiros de empresa nos que as persoas poden facer realidade as súas ideas de empresa apoiados por persoal especialista e dispoñendo dun espazo gratuíto durante 2 anos.
De forma paralela, a Consellería de Cultura e Educación vén traballando na adaptación dos currículos dos ciclos de FP á realidade laboral galega, contemplando a inclusión das competencias transversais que non son específicas dunha profesión ou ambiente organizativo, senón aplicables a tarefas e contextos diversos; así como no reforzo da Formación en Centros de Traballo (FCT) e na implantación da FP Dual.
Rede de viveiros
O conselleiro explicou que a Rede de Viveiros de empresa en centros de ensino está conformada por 17 viveiros, aos que se sumarán outros 4 xa proxectados. A través destas instalacións e recursos formativos téñense constituído 63 empresas, das que 22 subsisten fóra do viveiro no que naceron, 9 están consolidadas dentro deles e outras 32 están en proxecto. O éxito débese a que estes espazos, dos que poden gozar de balde durante 2 anos os seus usuarios, ofrecen formación específica, asesoramento a través de titores e canles de difusión para os proxectos (web, xornadas, feiras, etc.).
Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura e Educación ten o compromiso de ampliar esta rede a todos os Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e a outros centros, en función dos intereses comarcais. Ademais, traballarase nun Plan de formación para a Rede de Viveiros de Empresas, para mellorar as sinerxías internas da rede de viveiros e favorecelas con outras institucións, así como para abrir novas liñas de actuación nestes espazos; ao tempo que se afonda en fórmulas de colaboración con entidades como Zona Franca de Vigo, Fundación Alcoa ou Peugeot-Citröen.
Outras iniciativas
Na súa intervención o conselleiro lembrou que, ao abeiro do Plan, se desenvolven outras iniciativas como os premios Eduemprende Idea, para poñer en valor as propostas do alumnado nesta materia; ou o programa Avanza, que está a facilitar formación práctica e específica sobre cómo concretar e materializar un posible modelo de negocio, unha idea ou un proxecto de empresa
Así mesmo, o programa Atrévete permite fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado de Primaria e Secundaria, mentres que o Actúa – en colaboración co IGAPE- permite achegar ao alumnado de FP e Bacharelato experiencias persoais e profesionais de persoas emprendedoras.
Pola súa banda, ‘Simula’, vai dirixido a alumnado que cursa ciclos das familias profesionais de Hostalaría e Turismo, Administración e Xestión, e Comercio e Márketing, e consiste na constitución dun negocio virtual no que a dirección e a xestión a leva a cabo o alumnado dos ciclos, que reproducen na aula a simulación das situacións reais do ámbito financeiro, administrativo, laboral ou comercial dunha empresa.