A Xunta presenta en Madrid a exposición fotográfica “O soño dunha noite de San Xoán” que recolle 45 anos de historia das fogueiras coruñesas

image_gallery

 

Os delegados territoriais da Xunta en Madrid e na Coruña, José Ramón Ónega e Belén do Campo, respectivamente, presidiron onte a tarde na Casa de Galicia en Madrid a inauguración da exposición de fotografía “O soño dunha noite de San Xoán”. A mostra, realizada en colaboración coa Asociación de Meigas das Fogueiras de San Xoán e a Concellería de Turismo da Coruña, fai un repaso polos 45 anos de historia das fogueiras coruñesas a través dunha recompilación de fotografías e de carteis publicitarios da celebración.

Durante o acto, José Ramón Ónega, tamén director da Casa de Galicia na capital do Estado, expresou a súa “satisfacción por acoller a exposición sobre a celebración da noite máis universal, que se realiza con gran arraigo e espectacularidade na Coruña”. Así mesmo, invitou a todos os asistentes a recrearse nas imaxes da mostra e a animarse a vivir a festa persoalmente.

Na mesma liña, Do Campo recordou que a “noite da queima” ven de ser declarada o pasado maio Festa de Interese Turístico Internacional pola Secretaría General de Turismo, que tivo en conta a súa antigüidade e continuidade no tempo, así como a súa orixinalidade, arraigo e participación cidadá no desenvolvemento da propia celebración. No 2003, a mesma entidade xa a declarara Festa de Interese Turístico Nacional, e, anteriormente, no 2000, recibira o distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia outorgado pola Xunta. Neste sentido, a representante autonómica destacou o “importante complemento que a celebración de San Xoán supón para a experiencia turística tanto para a cidade da Coruña como para o resto da provincia e que, sen dúbida, constitúe un potente reclamo para os novos visitantes”.

image_gallery (1)

 

“As fogueiras de San Xoán eríxense como unha das festas máis máxicas de Galicia”, engadiu a delegada, quen explicou que na cidade da Coruña a noite máis curta do ano vai precedida dunha chea de actos e de preparativos, que ao longo dos últimos tempos contaron coa asistencia de miles de coruñeses e foráneos, que se unen a este culto ancestral que celebra o inicio do verán.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Meigas das Fogueiras de San Xoán, Concepción Astray, que tamén estivo na inauguración, repasou a historia da organización desde o comezo do seu labor como Comisión Promotora das Fogueiras de San Xoán e agradeceu o apoio das distintas administracións, así como do resto de colectivos cidadáns da cidade, pois “co arduo traballo de todas e todos ao longo dos anos conseguimos que o San Xoán coruñés se convertese nun referente internacional”.