Xunta e Goberno Central coordinan os medios policiais para previr e loitar contra os incendios forestais en Ourense cara a campaña de verán 2015
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, xunto co subdelegado do Goberno na provincia, presidiu a reunión da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais. O obxectivo desta xuntanza, que se celebra cada ano ao comezo da campaña de verán, é o deseño de actuacións conxuntas para previr os lumes e loitar contra a actividade delictiva incendiaria.
Na xuntanza tamén participaron membros da Xefatura Territorial de Medio Ambiente, representantes da Subdelegación do Goberno, Fiscalía do Medio Ambiente, e responsables da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil.
No transcurso da reunión presentáronse os distintos medios cos que se contará para loitar contra o lume durante a presente campaña, que se prolongará ata o vindeiro 30 de setembro, e a competencia que terá cada un deles a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2015. O delegado territorial fixo fincapé na importancia da coordinación nesta materia e subliñou que a Xefatura territorial da Consellería de Medio Rural celebra comités policiais cada tres semanas para o seguimento das accións conxuntas en materia de prevención e loita contra os lumes.
Pladiga 2015
Segundo Rogelio Martínez, a Consellería do Medio Rural e do Mar blinda nos aspectos esenciais o dispositivo de loita contra incendios. O Pladiga 2015 adáptase ao recentemente aprobado Plan Especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia (PEIFOGA). Con esta adaptación, redefínense as situacións operativas de emerxencia que deben de contemplar os plans e que substitúen aos niveis de gravidade.
O delegado territorial indicou que o dispositivo de loita contra incendios previsto este ano na provincia ourensá é similar, en liñas xerais, ao do pasado exercicio en canto a número de efectivos. Así, este dispositivo estará formado polas brigadas autonómicas e municipais, os parques de bombeiros, a Unidade Militar de Emerxencias (UME), os grupos de emerxencia supramunicipal (GES). A estes medios hai que engadir os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica e Nacional, e membros dos equipos de investigación.
A nivel Galicia, o dispositivo estará composto por 5.767 persoas do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais), reforzado por persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado ata completar un operativo de máis de 7.000 efectivos.
No tocante aos medios materiais, contarase con 32 medios aéreos -entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado- e 360 motobombas do SPDCIF da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.
Concienciación da sociedade
O delegado territorial e o subdelegado do Goberno subliñaron a importancia de manter a coordinación entre as distintas administracións nas actuacións que se levarán a cabo nesta materia co fin de conseguir un cambio de comportamento social para reducir os danos medioambientais producidos polos lumes forestais. Ademais incidiron na necesidade dunha maior concienciación na sociedade dos perigos do lume e da colaboración cidadá para atallar con celeridade as consecuencias da lacra do lume.
Roberto Castro fixo un chamamento á responsabilidade, por parte da poboación, para que se extremen as actividades que conleven algún risco de incendio, como facer lume ou barbacoas e empregar maquinaria.
Nesta comisión de coordinación policial contra os incendios establecéronse os niveis de coordinación e transmisión de información para atallar a intencionalidade dos lumes, e fixáronse as zonas asignadas ao Exército, a Policía Autonómica, Nacional e Garda Civil.
Cambios na nomenclatura
No novo Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia rexístranse cambios na nomenclatura. O nivel de gravidade 0 que antes recollía o Pladiga -referido a aqueles incendios que non supoñen perigo para persoas non relacionadas cos labores de extinción, nin para bens distintos aos de natureza forestal- pasa a denominarse Situación 0. Porén, cando sexa preciso solicitar a colaboración da UME porque existen moitos lumes nunha zona determinada ou cando o incendio é perigoso e pode afectar a bens forestais e, de forma leve, á poboación (aínda que non supoña o desaloxo de vivendas) ou bens de natureza non forestal, pásase a denominar Situación 1 (na anterior nomenclatura seguíase a denominar Nivel 0).
Os coñecidos como lumes de Nivel 1 -aqueles que pola súa posible evolución necesitan a posta en práctica de medidas para a protección das persoas e/ou dos bens distintos dos de natureza forestal- pasarán a denominarse Situación 2.
Por último, a nova Situación 3 será cando se rexistren incendios que poidan supoñer situacións de emerxencia de interese nacional e, incluso, ter que seren declarados polo Ministerio do Interior (coñecidos anteriormente como Nivel 2 e 3).
No Pladiga 2015, mantéñense a nivel autonómico as 79 Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) que se incorporaron o ano pasado. Lembramos que estas parroquias entraron no listado ben polo número de incendios reiterados (57 parroquias) e/ou á súa virulencia (24 parroquias).
Pola súa parte, o papel da brigadas de investigación de incendios forestais (BIIF) segue a ser imprescindible para determinar as posibles causas dos lumes. Así, manterase a súa capacidade de poder abrir expediente sancionador sobre aquelas fincas abandonadas. A maiores, e como novidade, levarán a cabo inspeccións naqueles terreos forestais afectados polo lume nos que existan primas relacionadas coa súa xestión.