Rogelio Martínez participa na inauguración da aula que levará o nome do fundador da Asociación “AIXIÑA” no CIFP Portovello
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, asistiu ao acto de inauguración dunha nova aula que levará o nome do fundador da Asociación Aixiña, Recaredo Paz, no Centro Integral de Formación Profesional (CIFP) “Portovello”, emprazado no barrio ourensán das Lagoas. Aixiña é unha asociación ourensá de minusválidos físicos, parálise cerebral e terceira idade dependente.
No acto os responsables do centro explicaron que un dos espazos máis significativos para o alumnado da especialidade de Atención a persoas en situación de dependencia é a aula que a partir de agora se denominará “Recaredo Paz”. A decisión adoptouse en homenaxe ao fundador de Aixiña, que faleceu hai seis anos, “por ser unha persoa que amosou, na súa intensa traxectoria vital, o seu compromiso coa normalización da vida das persoas dependentes”. No acto estiveron presentes, amais da viuva do homenaxeado, Olga Cuña; a xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Mercedes Gallego; e o director do CIFP “Portovello”, Abel Ocampo.