A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou hoxe a importancia da colaboración entre Meteogalicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para reforzar a información sobre a predicción meteorolóxica dos concellos que se ofrece a través da páxina web. A conselleira de Medio Ambiente presentou hoxe o resultado desa cooperación na sala de pantallas de Meteogalicia, nun acto no que tamén participou o reitor da USC, Juan Viaño, xunto con representantes da Rede Emprendia e do CiTiUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC
Na súa intervención, Ethel Vázquez salientou que a páxina web de Meteogalicia rexistrou máis de 55 millóns de visitas no ano 2014, o que supón unha media de arredor de 155.000 visitas ao día, converténdose nunha das plataformas máis consultadas na comunidade.
A optimización desa web presentada hoxe consiste na posta en marcha dun sistema de elaboración automática de comentarios na predición a curto prazo específico para cada concello e que xa está dispoñible na páxina web de Meteogalicia: http://www.meteogalicia.es
As notas explicativas ofrecen o prognóstico meteorolóxico e o índice de calidade do aire en cada municipio galego. O comentario xérase de xeito automático a partir da aplicación GALiWheather, empregando para isto técnicas de intelixencia artificial e xeración de linguaxe natural.
Outra novidade da páxina web é a predición da calidade do aire do día actual e os dous seguintes, mediante unha escala de cores. Ofrécense datos das estacións meteorolóxicas pertencentes á rede de estacións automáticas de Meteogalicia, no contorno do concello seleccionado; e ademais, a web contén gráficos coa evolución das temperaturas máximas e mínimas a curto e medio prazo.
A conselleira de Medio Ambiente indicou que o principal obxectivo deste plataforma web é ofrecerlle aos galegos unha información meteorolóxica cada vez máis completa, precisa, próxima e personalizada: xa que, a partir de agora, os cidadáns poderán acceder a prognósticos específicos con comentarios do concello que lle interese a cadaquén.