Un total de 15 menores do centro de Monteledo participaron nunha acción de formación en xardinería no marco do ‘Insergal’
Un total de 15 menores do centro de reeducación Monteledo de Ourense realizaron, entre setembro e decembro de 2014, un curso de formación para desempregados (AFD) centrado en ‘Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería’ e con 348 horas de duración, no marco do programa ‘Insergal’, unha iniciativa que oferta recursos de formación prelaboral dentro dos centros.
A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz; e a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González; entregaron o pasado mércores os diplomas aos participantes, que lles permitirá obter un certificado de profesionalidade con validez estatal, que supuxo unha inversión á Consellería de Traballo e Benestar de máis de 28.000 euros.
Neste sentido, Ana Díaz lembrou que desde 2009 financiáronse actividades formativas e de recoñecemento da experiencia que permitiron que case 50.000 galegos e galegas obtiveran un certificado de profesionalidade e indicou que este ano a práctica totalidade das actividades formativas financiadas pola Consellería están vinculadas á obtención dun destes certificados, “o que sitúa a Galicia á cabeza de todas as Autonomías” neste tipo de formación.
Pola súa banda, Amparo González explicou que o programa ‘Insergal’, desenvolto en colaboración coa fundación Camiña Social, e ao que o departamento autonómico destinou 162.000 euros en 2014, ten por obxectivo o traballo remunerado e a formación ocupacional dos menores internados en centros. Diríxese a menores de máis de 16 anos suxeitos a medidas xudiciais na rede de centros de reeducación de Galicia. En 2014 participaron neste programa 163 menores e 23 acadaron un contrato de traballo.
Segundo explicou González, “basea as súas liñas de actuación na inserción social e laboral para mellorar as súas condicións de acceso a un emprego, xestionando recursos de formación, xa sexa dentro ou fóra do centro, actuacións na busca de emprego, recursos laborais a través dos obradoiros produtivos e do traballo remunerado dentro dos centros e a través de bolsas formativas en empresas colaboradoras”.