Turismo de Galicia aposta pola promoción da oferta galega en Polonia, un dos mercados con máis potencial de Europa
Turismo de Galicia aposta pola promoción da oferta turística galega en Polonia, un dos mercados emisores emerxentes con máis potencial de Europa, do que o ano pasado Galicia rexistrou un 48% máis de ocupación hoteleira que en 2013.
Así, entre os próximos días 21 e 24 de maio, un grupo de cinco xornalistas polacos especializados en viaxes e turismo coñecerán parte da oferta da comunidade galega a través dunha viaxe organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Varsovia.
Os xornalistas da revista de viaxes Voyage, con 45.000 exemplares de tiraxe no ámbito nacional; do portal da internet Natema, especializado en viaxes e gastronomía e con 970.000 de usuarios; da revista de estilo de vida Świat Kobiety, que conta con 296.000 exemplares de tiraxe nacional; de Pani, unha publicación de luxo e de estilo de vida que tira 147.000 exemplares; e da revista de suxestións Poradnik domowy, cunha sección de viaxes e unha tiraxe mensual de 282.000 exemplares; poderán coñecer por medio desta viaxe as cidades de A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo, ademais de varios destinos das Rías Baixas.
Programa da visita
A viaxe comezará o día 21 en Santiago de Compostela cunha visita ao casco histórico da cidade pola mañá e continuará pola tarde cun tour panorámico que os levará a Monte Pío, O Pedroso, a Cidade da Cultura e o Monte do Gozo.
O día 22 de maio, os xornalistas polacos visitarán A Coruña onde realizarán un tour panorámico por distintos puntos da cidade e unha visita a pé pola Cidade Vella.
Ao día seguinte, está prevista a visita a Cambados, A Lanzada e Combarro, con posterior xantar en Pontevedra e percorrido pola cidade.
Ese mesmo día trasladaranse á cidade de Vigo de onde partirán cara a Varsovia ao día seguinte.
Festival Saska Kepa
Ademais, no que atinxe á promoción turística do mercado polaco, o día 23 de maio Turismo de Galicia participará no festival Saska Kepa, un encontro que todos os anos congrega a milleiros de persoas nas rúas máis céntricas de Varsovia.
Aproveitando este evento, o departamento de Turismo da Xunta de Galicia instalará un expositor no que se ofrecerá información turística da comunidade galega e unha degustación de produtos gastronómicos.
Mercado polaco
O mercado polaco é un dos mercados emisores emerxentes con máis potencial de Europa.
No pasado ano 2014 Galicia rexistrou un importante crecemento dos turistas polacos que visitaron a nosa comunidade. Así, os niveis de demanda subiron nun 48% tanto no que respecta a cifra de viaxeiros aloxados como as pernoitas.