Cultura e Educación difunde a literatura e o libro galego na Feira do Libro de Bos Aires

image_gallery

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén estes días unha intensa actividade de difusión do libro e da cultura galega na Feira do Libro de Bos Aires, que convoca máis dun millón de visitantes e que este ano celebra a súa 41º edición.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, desprazouse á capital arxentina para participar na xornada da presentación do libro ‘Francisco Luis Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia’, na que tamén interviron o coordinador da obra, Luís González Tosar, o investigador Armando Requeixo e representantes da cultura arxentina, como o presidente da Academia Argentina de Letras, J. Luis Moure, o escritor e presidente da Sociedad Argentina de Escritores, Alejandro Vaccaro, e o académico e escritor Antonio Requeni, cunha importante afluencia de público que se achegou a coñecer a vertente de produción e relación con Galicia deste intelectual de referencia na literatura arxentina.

Tal como destacou o secretario xeral na presentación, “este libro, que pon en valor diferentes visións sobre a traxectoria do autor, é froito do traballo colectivo de escritores galegos e arxentinos e no que tamén estiveron implicadas a Real Academia Galega, a Academia Argentina de Letras e a Sociedad Argentina de Escritores”.

As actividades literarias programadas pola Xunta de Galicia proseguirán ao longo do día de hoxe, no que está prevista a presentación do último número da revista ‘Cuadrante’, que publica a Asociación Amigos de Valle-Inclán, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, no que trata a presenza de Valle na Arxentina. Esta obra, tamén colectiva, que coordinou a profesora emérita da Universidad de Bos Aires María del Carmen Porrúa, incorpora as investigacións de destacados académicos arxentinos que estudaron a influencia de Valle-Inclán tras o seu paso por Arxentina.

Ademais desta presentación, a escritora e tradutora galega Ánxela Gracián protagonizará esta tarde un recital poético baixo o título ‘Palabras de pan. Da tradición oral á escrita literaria’.

También te podría gustar...