O Diario Oficial de Galicia publica o cambio de titularidade dunha antiga caseta de legoeiros na estrada OU-603 a prol do concello da Rúa
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica onte o decreto polo que se aproba a cesión de titularidade, por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, dunha antiga caseta de legoeiros situada no p.k. 1+970 da estrada OU-603, a prol do Concello da Rúa.
Esta caseta de legoeiros é un elemento funcional da estrada de acordo co artigo 6.2 da Lei 8/2013 do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que considera elementos funcionais as infraestruturas complementarias constituídas por espazos e instalacións destinadas a ordenar, mellorar ou regularizar o sistema xeral de transportes e comunicacións.
A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á cesión de titularidade dos 625 m2 que determinan a totalidade da superficie, así como as edificacións e todos os elementos de urbanización, mobiliario urbano e instalacións existentes na dita parcela. Esta caseta de Legoeiros perdeu a súa utilidade como elemento funcional da estrada e non é previsible nin recomendable a súa recuperación para este uso.
O Concello da Rúa deberá levar a cabo as actuacións necesarias ante os organismos oficiais correspondentes para regularizar a titularidade da superficie, edificacións e elementos de urbanización, mobiliario urbano e instalacións existentes na parcela.
A entrega dos bens formalizarase no prazo nos dous vindeiros meses contando desde mañá 8 de maio.
Corresponderanlle ao Concello da Rúa, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da superficie, edificacións e elementos de urbanización, mobiliario urbano e instalacións existentes na parcela, así como o exercicio das funcións que puidesen corresponderlle como nova Administración titular.