Primeira edición en cómic da obra Dédalus en Compostela, de Vicente Risco
O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do libroDédalus en Compostela, de Vicente Risco, obra co-editada pola Deputación de Ourense e a Fundación Vicente Risco en formato cómic. O acto contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o vicepresidente da Fundación Vicente Risco, Luis Martínez-Risco, e o autor das ilustracións do libro, Fernando Iglesias.
“Trátase da primeira obra editada en formato cómic pola Deputación de Ourense, referida a un personaxe senlleiro da nosa cultura como é Vicente Risco”, explicou Manuel Baltar, quen subliñou “a alianza entre a Fundación Risco e a Deputación de Ourense para promover e difundir a obra deste intelectual, máis presente que nunca, porque a súa pegada está nos que seguimos afondando na nosa autonomía e na identidade social, histórica e cultural da nosa terra”.
O presidente do goberno provincial referiuse á publicación destacando que Dédalus en Compostela transcorre en 1926 “cando o alter egode James Joyce peregrina á capital de Galicia levado por unha forza que se asemella a ese impulso misterioso que moveu a tantas e tantos irlandeses a través dos séculos”. Na obra, o azar provoca o encontro co narrador (Vicente Risco) e o paseo polas rúas máis entrañables de Compostela, “un territorio especialmente dialogado que atopa no cómic a forza necesaria para chegar con contundencia de seu ás mozas e mozos desta Gallaecia do século XXI”, afirmou Manuel Baltar, subliñando que a Risco “hai que lelo e releo, e todos temos a obriga de divulgar a súa riquísima e universal personalidade”.
Pola súa banda, o ilustrador Fernando Iglesias explicou que obxectivo do seu traballo “foi ser fiel ao relato de Risco, precisamente porque el é o protagonista desta narración. E proba diso é que máis do 70 por cento do texto orixinal da obra está recollido no cómic, que ten un punto fantástico porque o relato tamén o é”.
Finalmente, Luis Martínez-Risco agradeceu a colaboración e apoio da Deputación de Ourense para levar a cabo proxectos conxuntamente coa Fundación Risco y afirmou que esta obra “dálle unha nova linguaxe e visibilidade a Vicente Risco para que as novas xeracións se acheguen ao autor”. Definiu a obra como “un libro futurista que reflicte a condena que poden sufrir os pobos que renuncian á súa identidade”.
De esta nova entrega de Dédalus en Compostela editáronse mil exemplares, unha obra que viu a luz por primeira vez en 1929, na revista Nós, e que foi posteriormente reeditada en 1961 pola editorial Galaxia.