Xuventude avanza no proxecto ‘Dinamizando Galicia’ para o desenvolvemento de prácticas en Europa por mozos e mozas

image_gallery

 

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe no grupo de traballo do proxecto ‘Dinamizando Galicia’ (DIGAL), aprobado ao abeiro do programa Erasmus +, acción clave 1 (mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe). O seu obxectivo é a realización de prácticas laborais en Europa.

Este proxecto de mobilidade trasnacional está destinado a 56 mozos e mozas con idades entre os 18 e 30 anos recén titulados en ciclos medios de formación profesional e nos cursos de formación ocupacional, accións formativas e programas de cualificación profesional inicial dos sectores agrícola forestal, hoteleiro, turístico, servizos básicos á comunidade (incluída á atención á dependencia e maiores), tecnolóxico e administrativo de base. Concretamente, ás persoas serán seleccionadas entre o alumnado dos centros que integran o consorcio xurdido deste proxecto.

Este consorcio, coordinado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, está formado por entidades educativas e por departamentos do goberno autonómico: tres centros educativos – o IES Lamas de Abade de Santiago, o IES A Pinguela de Monforte de Lemos e o IES Monte Castelo de Burela-; o Centro de Estudos Gastronómicos da Coruña; os centros de formación agroforestal dependentes da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes (Guísamo, Becerreá, Sergude, Ribadeo e Monforte de Lemos); e os centros de formación ocupacional e de accións formativas dependentes da Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo e Benestar.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado pon en marcha este proxecto co obxectivo de contribuír á mellora da empregabilidade dos mozos e mozas participantes e impulsar a súa inserción laboral, ao tempo que contribúe a dinamizar o sector produtivo da comunidade autónoma e a internacionalización das empresas galegas.

Rodeiro apuntou que “a mobilidade constitúe un elemento positivo na formación dos mozos e mozas, tanto pola experiencia adquirida como polo apoio na aprendizaxe dun idioma estranxeiro”. “Unha experiencia profesional no estranxeiro pode aportar un valor engadido á formación permanente dos mozos e mozas galegos e á súa traxectoria profesional e redunde, por tanto, nunha mellora directa da empregabilidade”, engadiu o director xeral.

A iniciativa conta cun orzamento de 277.135 euros e inclúe 56 prazas para a realización de prácticas laborais non retribuídas durante 60 días en cinco países europeos entre o 2015 e 2016: 15 en Portugal, 15 en Italia, 10 en Irlanda, 10 en República Checa e 6 en Francia.

A bolsa cubrirá os gastos de aloxamento, curso de preparación cultural e lingüística, seguro de responsabilidade civil, unha axuda para os gastos da viaxe e para os gastos de manutención.

Erasmus+: Xuventude en Acción
Posteriormente, Ovidio Rodeiro trasladouse ata as actividades do proxecto ‘Sharpen your skills, brighten your habilities’ aprobado ao abeiro da Acción Clave 1 programa europeo Erasmus+: Xuventude en Acción, mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe.

Trátase dun proxecto organizado pola Asociación xuvenil Muxema que, ata o 18 de abril, reúne en Santiago a 36 representantes de entidades públicas e organizacións culturais procedentes de 16 localidades de 13 países europeos: Rocavaldina (Sicilia-Italia), Gavoi (Cerdeña- Italia), Tallín (Estonia), Bakú (Acerbaián), Odesa (Ucraína), Chisinau (Moldova), O Porto e Forxaes (Portugal), París (Francia), Kirsehir (Turquía), San Petesburgo, Yaroslav e Moscú (Rusia), Tbilisi (Xeorxia), Erebán (Armenia) e Negreira (España).

Os obxectivos do proxecto están relacionados co estudo das posibilidades de empregabilidade no marco da Unión Europea cunha comparativa cos países veciños do Leste. Durante a semana de duración do proxecto os representantes das distintas organizacións europeas participarán en obradoiros, mesas redondas, charlas informativas e dinámicas de grupo sobre sobre problemáticas actuais do mercado laboral; capacidades, competencias e habilidades máis valoradas polos empregadores; a capacidade de organización o poder da comunicación, a xestión dos proxectos europeos e o recoñecemento das actividades de educación non formal.

Ovidio Rodeiro destacou que “a participación neste proxecto de educación non formal facilitará aos 36 participantes a establecer unha rede de traballo a nivel europeo que conforme un partenariado de calidade para a implementación de actividades dirixidas á xuventude, ao tempo que adquiren competencias, aptitudes e habilidades que axudarán aos seu desenvolvemento persoal e profesional”.

También te podría gustar...