Sanidade conmemora o I Día Nacional da Sarcoidose cunha xornada informativa

SERGASA Consellería de Sanidade conmemora hoxe luns a celebración do I Día Nacional da Sarcoidose, coa celebración dunha xornada informativa de portas abertas que terá lugar no salón de actos do Hospital do Meixoeiro ás 13 horas. O acto contará coa presenza de Roberto Pérez, xefe do servizo de Medicina Interna deste centro; Patricia Nogueira, paciente e presidenta da Asociación Nacional de Enfermos con Sarcoidose; e Yolanda Triñanes, da Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia, avalia-t, todos eles coautores do primeiro documento de información para pacientes baseado na evidencia e de referencia para o Sistema Nacional de Saúde, que vén de elaborar a Consellería de Sanidade co obxectivo de ofrecer información a pacientes e familiares sobre esta enfermidade.

Na autoría da guía tamén participaron: Gerardo Atienza, médico da Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia; Mariola Grunwald, paciente da Asociación Nacional de Enfermos de Sarcoidose; e Susana Romero, especialista en Reumatoloxía do Hospital Provincial de Pontevedra.

A publicación conta coa dirección da Axencia Galega de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias, avalia-t, e foi realizada por mor da colaboración establecida entre o Instituto de Saúde Carlos III e a Consellería de Sanidade, no marco do desenvolvemento de actividades da Rede Española de Axencias de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias e prestacións do Sistema Nacional de Saúde, financiadas polo Ministerio de Sanidade.

A guía, que se pode consultar no apartado de novidades da web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), e no portal GuíaSalud (http://portal.guiasalud.es/web/guest/listado-opbe), no que foi catalogada tras superar esixentes criterios de calidade, foi elaborada por un grupo multidisciplinar integrado por pacientes, clínicos e metodólogos, e revisada por profesionais sanitarios con experiencia no tema e no desenvolvemento de documentos de información para pacientes, e mesmo persoas con sarcoidose.

Toda a información que se recolle no documento está baseada en resultados de estudos de calidade, ademais de incorporar a opinión de expertos no tema e a percepción que os pacientes teñen da súa enfermidade.

O documento pretende complementar, non substituír, a información aportada polo médico e o necesario intercambio de opinións cos profesionais implicados nos coidados. Sanidade agarda que esta información resulte útil e que cumpra a función de axudar a comprender mellor qué é a sarcoidose, qué pode ofrecer o sistema sanitario e qué pode facer o paciente para encontrarse mellor.

Sinalar que a sarcoidose é unha enfermidade rara, de carácter inflamatorio que pode afectar a varios órganos e sistemas do noso corpo. Caracterízase pola formación de pequenas masas de células denominadas granulomas, principalmente nos pulmóns, aínda que poden afectar a outros órganos: pel, fígado, ril, corazón, sistema nervioso, articulacións, etc. As manifestacións da enfermidade poden ser agudas ou cronificarse no tempo. Neste último caso, requiren tratamento con maior frecuencia e as súas complicacións poden producir un maior impacto na calidade de vida.

También te podría gustar...