A Xefatura Territorial de Sanidade promove a saúde bucodental en varias residencias de maiores na provincia de Ourense
- O delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, asistiu a unha charla que se impartiu na Residencia Nosa Señora dos Milagres e destacou a importancia da campaña que promove hábitos de hixiene que repercuten nunha maior calidade de vida dos maiores
- A actividade, organizada en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, desenvolverase ata finais de ano
A Residencia Nosa Señora dos Milagres, emprazada na parroquia de Cabeza de Vaca do concello ourensán de Barbadás, acolleu hoxe a actividade “A saúde bucodental non é cuestión de idade” que o último trimestre do pasado ano se desenvolvera nos once centros sociocomunitarios ourensáns e que agora se amplía ás residencias de maiores da provincia, co fin de fomentar hábitos de hixiene bucodental entre as persoas maiores.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado pola xefa territorial da Consellería de Sanidade, María Villar ,e polo xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, acudiu a este centro residencial de maiores de titularidade e xestión propia de Traballo e Benestar e animou aos seus usuarios a levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á saúde bucodental, que repercutan nunha maior calidade de vida.
A actividade consiste na realización dunhas charlas formativas, coas que os maiores aumentarán os seus coñecementos e habilidades relacionadas coa saúde bucodental na vida diaria e coa adquisición de hábitos de hixiene. Ademais, tamén se pretende formar aos traballadores das residencias encargados de atendelos.
Os últimos datos sobre saúde oral en España sinalan que o índice de caries dental nos maiores de 65 anos duplica á da poboación adulta e que máis do 90% presenta enfermidade periodontal. Unha saúde bucodental deficiente inflúe na aparición de determinadas enfermidades sistémicas, no benestar xeral das persoas, na súa capacidade de comer e de falar, e mesmo pode afectar a saúde mental e as relacións sociais. Os maiores de 65 anos manifestan ter peores hábitos no referente a hixiene bucal diaria e mesmo un 5,3% recoñece que non realiza ningún cepillado de dentes ao día.
Ante estes datos e dado o envellecemento progresivo da poboación, a xefatura territorial de Sanidade, en colaboración coa xefatura territorial de Traballo e Benestar, decidiu organizar este programa co obxectivo de mellorar a saúde bucodental dos maiores da provincia ourensá. Así, durante o último trimestre desenvolveu charlas informativas nos once centros sociocomunitarios da provincia. Agora, decidiu ampliar esta iniciativa ás residencias de maiores. Prevese que ata finais de ano a campaña percorra máis de 15 centros, de titularidade pública e privada.