A Deputación de Ourense entregou hoxe os premios do 2º concurso escolar sobre 34º aniversario do Estatuto de Autonomía para Galicia, cuxo lema era “O recoñecemento dunha nacionalidade histórica”

Entrega dos premiso do 2ºConcurso escolar sobre o Estatuto para Galicia  

A Deputación de Ourense conmemorou hoxe o 34º aniversario do Estatuto de Autonomía para Galicia nun acto celebrado no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» no que a institución provincial entregou os premios do 2º concurso escolar organizado para homenaxear a norma institucional básica galega. O acto contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o subdelegado do goberno en Ourense, Roberto Castro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, entre outras autoridades.

Manuel Baltar dixo que con este acto “en Ourense lembrámonos dos 34 anos da norma institucional básica de Galicia, e é bo facelo porque significa conmemorar 34 anos de autogoberno e desenvolvemento da nosa terra”. “E precisamente facemos fincapé –subliñou o presidente- nesta segunda edición do concurso escolar no feito de que o Estatuto recoñece a Galicia como nacionalidade histórica, algo que conseguimos entre todos, pois do Estatuto nacen as institucións autonómicas de autogoberno, sinaladamente o Parlamento e a Xunta de Galicia, e da mesma maneira que en España conmemoramos a data da Constitución tamén en Galicia debemos lembrar e homenaxear a nosa norma institucional básica”.

Con este acto, o único organizado en Galicia para conmemorar esta efemérides, a Deputación de Ourense quere lembrar neste 34 aniversario do Estatuto de Autonomía para Galicia (Lei Orgánica 1/1981, de 6 de abril), o día histórico que supuxo para a Comunidade Autónoma de Galicia a aprobación da norma que regula o autogoberno da nosa nacionalidade histórica.

Con este evento a Deputación de Ourense quere destacar “a importancia e máxima vixencia do noso Estatuto, pois é un modelo que trouxo importantes conquistas en materia de autogoberno e que permite que o pobo galego siga progresando a prol do seu benestar no marco do pluralismo, a concordia e a democracia”, afirmou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial agradeceu aos alumnos, profesores, e aos pais dos nenos e nenas o seu interese por participar nesta importante data, e tamén ao coro do Colexio Padre Feijóo-Zorelle, que interpretou como peche do acto por primeira vez o Himno de Ourense cantado por un coro infantil.

Premiados

O xurado do 2º Concurso escolar sobre o Estatuto de Autonomía para Galicia, presidido polo vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, concedeu premios a traballos de debuxo e redacción a alumnos de Educación especial, Infantil, Primaria e Secundaria pertencentes aos colexios Sagrado Corazón (O Carballiño), Padre Feijóo-Zorelle (Ourense) e ao Centro Especial do Pino (Ourense). En Educación Especial, Infantil e Primaria os premiados foron Ezequiel Salazar Montoya, Juan Manuel Fernández Vázquez, Santiago Afonso Rodríguez, Claudia Méndez Fernández, Elena Dameá Fernández, Carlota Fernández Conde e Paula Gómez Valencia. En ensino Secundario os premiados foron Isabella Erlania Pereira da Silva, Marta Castro Soto e María Crespo Dacosta.

También te podría gustar...