Economía e Industria activa unha app para dar a coñecer os produtos amparados pola marca Galicia Calidade
A Consellería de Economía e Industria vén de activar unha aplicación móbil de Galicia Calidade para dar a coñecer aos consumidores todos os produtos e servizos amparados pola marca de garantía. Con esta ferramenta, dispoñible para a súa descarga gratuíta, o cidadán poderá comprobar no punto de venda se un produto conta co distintivo. Ademais, tamén facilitará outros datos de interese tanto das empresas certificadas como de Galicia Calidade.
Desta forma, a app configúrase como unha forma de achegar ao consumidor final toda a información relativa aos produtos certificados por Galicia Calidade. Así, o usuario contará cun factor distintivo no punto de venda, diferenciando a través da app a orixe xeográfica e o concepto de calidade ligados a estes produtos. Neste sentido, a marca de garantía representa o compromiso das empresas galegas por ofrecer os mellores produtos e servizos, e o uso das mellores prácticas para a produción, a elaboración e a comercialización, podendo resultar un factor determinante á hora da elección dun produto.
Os usuarios que descarguen a aplicación poderán, así mesmo, atopar toda a actualidade de Galicia Calidade e das empresas certificadas. Ademais, tamén poderán consultar, dun xeito cómodo e accesible, distintos datos de interese relativos ás compañías, como a súa localización, ligada ao navegador móbil, os datos de contacto, ou o acceso aos seus perfís públicos en redes sociais, entre outros.
Galicia Calidade conta na actualidade con máis de 250 produtos e servizos certificados, un factor que fai decisiva a posta en marcha de ferramentas como esta app, que permitirá coñecer e diferenciar os mellores produtos galegos que contan coa marca de garantía.