San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar exemplo de colaboración entre distintas administracións

image_gallery (3)

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou esta mañá que o esforzo e traballo conxunto entre as distintas administracións deu como froito mellorar o saneamento e abastecemento dos concellos de Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas.

Vázquez Mourelle salientou que a mellora do saneamento en Pereiro e a depuradora de San Cibrao son dous exemplos do traballo e colaboración entre administracións –estatal, autonómica e local-, que neste caso concreto se traduce nun investimento de 4,7 millóns de euros, dos que a Xunta inviste un 20%. Estas dúas actuacións hidráulicas permitirán solucionar os problemas de filtracións a excesiva afluencia de pluviais e puntas de contaminación industrial que soporta a actual rede. Tamén destacou que se eliminan os vertidos que chegan ao río e deterioran o estado ecolóxico do Barbaña.

A conselleira de Medio Ambiente xunto co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín Muñoz, e acompañada polo delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou as obras da depuradora de San Cibrao das Viñas, que estarán rematadas este mesmo verán, xa que marchan a bo ritmo e na actualidade atópanse ao 40%.

Anteriormente, a responsable de Medio Ambiente tamén participou na posta en servizo das obras de mellora de saneamento de Pereiro de Aguiar, polo que estas dúas actuacións redundarán positivamente neste municipio de San Cibrao, xa que a depuradora só recibirá as augas residuais do parque empresarial do Pereiro de Aguiar, sen achegas de pluviais.

Posta en servizo en Pereiro

A conselleira de Medio Ambiente tamén visitou esta mañá as obras de mellora do saneamento que a Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil levaron a cabo no Concello de Pereiro de Aguiar.

Explicou que se tratou dun conxunto de intervencións que permitiron rematar a estación de tratamento de augas residuais deste municipio e mellorar de forma substancial a rede de saneamento existente, separando as augas pluviais das residuais.

En definitiva, grazas a esta actuacións as augas residuais de orixe doméstica -que ata agora eran conducidas para o seu tratamento á depuradora existente no polígono de San Cibrao das Viñas- serán tratadas na nova depuradora.

Aclarou que as de orixe industrial que proceden do parque industrial do Pereiro de Aguiar seguirán depurándose en San Cibrao e engadiu que coas actuacións levadas a cabo acádase un dobre obxectivo, mellorar os estándares de calidade especialmente no ecosistema do río Loña e no embalse de Cachamuíña, xa que o novo sistema favorece o mellor tratamento das augas residuais; e unha maior eficiencia da Edar de San Cibrao das Viñas, porque ao separar as augas residuais urbanas das industriais redúcese tamén de xeito significativo a cantidade de auga a tratar nesta Edar.

Por último, destacou que a actuación de Pereiro de Aguiar e de San Cibrao das Viñas son un claro exemplo do compromiso e da vontade de colaboración de distintas administracións por mellorar aquelas infraestruturas que inciden directamente na calidade da auga que se devolve ao río e, polo tanto, tamén na calidade do medio e no benestar dos cidadáns.

También te podría gustar...