Máis de 320 menores de 30 anos benefícianse de contratos de formación dual aos que a Xunta destina preto dun millón de euros
A Consellería de Traballo e Benestar está a apoiar un total de 324 novos contratos de formación dual en Galicia —136 en empresas e 188 en concellos—, cun investimento global de preto de 1 millón de euros. Deste total, as contratacións nas empresas están a recibir 305.000 euros; e as dos concellos, 600.000 euros.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou hoxe a 25 destes menores de 30 anos, que están a beneficiarse dun contrato de formación dual dun ano de duración en Bosch Security Systems de Vigo, co fin de mellorar a súa empregabilidade.
Na súa intervención, a titular de Traballo explicou que estes contratos consisten nun emprego cun salario acorde ao convenio colectivo con contratos vinculados a unha actividade formativa que debe ser do mínimo do 25% da xornada laboral.
Os contratos de formación dual resultan “moi beneficiosos” tanto para os traballadores como para as empresas. Os traballadores, ademais de acceder a un contrato, ven como a súa formación, preparación e cualificación se incrementa de forma sobresaínte ao participar nesta actividade.
No caso concreto dos contratos de formación dual de Bosch, a actividade formativa está vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade na especialidade de “atención ao cliente, ao consumidor ou usuario”. Trátase dun certificado de profesionalidade con validez nacional, que xa recibiron preto de 50.000 galegos e galegas, o que sitúa á Comunidade á cabeza de todas as autonomías nesta materia.
Mato engadiu que, ao mesmo tempo, a fórmula de formación dual supón tamén unha vantaxe para as empresas participantes, que poden contar cuns traballadores cunha preparación e formación específica para os seus postos de traballo, o que supón “a mellor garantía para a súa produtividade e competitividade”.
A Consellería de Traballo e Benestar, de forma voluntaria e pioneira, está a financiar toda a formación que exceda do 25% da xornada laboral. No caso dos 29 contratos de Bosch, a parte formativa supón o 37% da xornada, e isto supón un investimento de preto de 46.000 euros por parte do departamento autonómico.
Por último, Beatriz Mato aproveitou para convidar ás empresas e concellos de Galicia a participar activamente e solicitar novos contratos na próxima convocatoria de formación dual cuxa orde publicarase nas próximas semanas no DOG.