Cultura e Educación estrea na inauguración de ‘Camiño. A orixe’ unha peza musical interpretada con bastóns de peregrinos

el_camino1

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estreará na inauguración da exposición ‘Camiño. A orixe’ unha peza musical que será interpretada con bastóns de peregrino. O grupo de percusión Attacca, do Conservatorio de Música da Coruña, será o encargado de poñer en escena a composición homónima creada ‘ad hoc’ para a exposición.

Os compoñentes de Attacca executarán a peza ‘Camiño. A orixe’ cos bastóns recompilados durante o 2014 na Oficina de Acollida ao Peregrino e cedidos polos máis de 1.800 camiñantes que accederon a formar parte da mostra que este venres inaugura a Cidade da Cultura no Museo Centro Gaiás.

‘Camiño. A orixe’, o novo proxecto da Cidade da Cultura, abre este venres 13 de marzo as súas portas, convidando ao visitante a descubrir o xermolo, o inicio dun fenómeno que perdura ata os nosos días, o da peregrinación a Santiago. Durante a súa primeira semana de exposición, a mostra contará con entrada de balde e poderá visitarse de martes a domingo en horario de 11 a 20 horas.

Visión contemporánea da peregrinación

A través dunha montaxe rotundamente contemporánea, ‘Camiño. A Orixe’ ofrece unha visión dese minuto un a través dunha selección de 150 pezas que inclúen obras mestras de grandes artistas como Alberto Durero ou Bartolomé Esteban Murillo e outros obxectos de alto valor cultural. A Galería Uffizi de Florencia, o Museo Cluny de Francia, o Museo del Prado, Patrimonio Nacional, Museo Lázaro Galdiano, os Museos de Belas Artes de Bilbao, Murcia, Córdoba e A Coruña e, por suposto, o Museo das Peregrinacións e de Santiago e a propia Catedral compostelá integran a ampla nómina de institucións que colaboran coa Cidade da Cultura nesta mostra.

A iniciativa complétase co proxecto ‘Lugares Xacobeos’, once intervencións artísticas realizadas por mozos creadores da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo coas que se busca establecer un diálogo entre o trazado medieval de Compostela e o da Cidade da Cultura ideado por Peter Eisenman. A eles súmanse os alumnos das Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia –Escola Pablo Picasso da Coruña, Escola Ramón Falcón de Lugo, Escola Antonio Failde de Ourense e Escola Mestre Mateo de Santiago- para a realización de deseños xacobeos exclusivos para a mostra, que estarán expostos na tenda do Museo Centro Gaiás durante os seis meses que a mostra permaneza aberta ao público.

Montaxe rompedora de Irisarri-Piñera

Dirixida por María García-Alén, ‘Camiño. A Orixe’ busca dar un paso máis na historia da peregrinación a Santiago, ofrecendo un novo discurso que bota a ollada atrás desde unha perspectiva contemporánea. Algo ao que contribúe decididamente o deseño de Irisarri-Piñera, que fai da montaxe unha nova intervención artística que converte o Museo Centro Gaiás nunha paisaxe, unha sorte de bosque galego polo que o visitante debe peregrinar para alcanzar a meta.

Irisarri-Piñera conciben a instalación como un deambular por unha paisaxe que remite á orixe de pescador de Santiago e na que o visitante se irá atopando, a través dun percorrido ordenado segundo a secuencia do relato, cunha especie de ‘capelas’, a modo de salas de exposición onde atopar as obras e recursos museográficos que compoñen a mostra.

Santiago, o Camiño, o Peregrino

‘Camiño. A Orixe’ desprégase polos andares 1 e 2 do Museo Centro Gaiás como un percorrido imaxinario que evoca o real. O visitante trasládase ao 820 d.C., momento no que o eremita Paio atopa a tumba do Apóstolo e comunica o achado ao bispo Teodomiro; e coñece de primeira man o traslado de toda a corte do rei Alfonso II o Casto á que co paso dos séculos sería a Compostela actual. Con ese punto de partida como fío condutor, a exposición ‘Camiño. A Orixe’ divídese en tres partes: Santiago o apóstolo, o Camiño e o Peregrino.

Exposición solidaria

Como xa fixera con ‘Auga Doce’, a Cidade da Cultura colabora a través de ‘Camiño. A Orixe’ cun proxecto de integración social. Neste caso trátase de DisCamino, unha iniciativa que trata de facer realidade o soño de persoas con diferentes discapacidades de peregrinar a Santiago. Desde 2010, son moitos os camiños realizados en vehículos adaptados.

Neste 2015, tres aventureiros percorrerán a Ruta da Plata en dous triciclos adaptados e guiarán e acompañarán aos membros do Centro de Atención Integral Personalizada (AIP) de Bóveda (Lugo) na súa peregrinación en cadeiras de rodas polo Camiño Portugués.

‘Camiño. A Orixe’ conta cun coidado catálogo de 320 páxinas deseñado por Branca Pol nunha dobre edición: galego-castelán e inglés-portugués. O volume está constituído por ensaios de Segundo L. Pérez López, deán da Catedral de Santiago; Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral; Bieito Pérez Outeiriño, director do Museo das Peregrinacións e de Santiago; e Rafael Sánchez Bargiela, director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo; todos eles membros do comité de asesoramento da exposición, ademais doutras aportacións claves para entender o fenómeno da peregrinación como o de Juan M. Monterroso, decano de Historia da Arte da Universidade de Santiago e asesor artístico da mostra.

También te podría gustar...