Máis de 80 empresas beneficiáronse das axudas para a elaboración e comercialización de viño o ano pasado

A conselleira do Medio Rural e do Mar visitou en Toén as instalacións das adegas do Grupo Reboreda Morgadío

 

Un total de 82 empresas beneficiáronse no 2014 das axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitícolas por un importe de preto de preto de 2,2 millóns de euros. Así o destacou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, durante a visita desta mañá ás instalacións do grupo vitivinícola Reboreda Morgadío, en Toén, onde estivo acompañada da directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa.

A conselleira do Medio Rural e do Mar valorou a importancia destas axudas das que o grupo Reboreda Morgadío resultou beneficiario, xa que reflicten, sinalou, o respaldo da Xunta ás empresas para impulsar e aportar valor ao sector vitivinícola galego. Ademais explicou que as achegas para elaboración e comercialización de produtos vitícolas se destinan a procesos clave para a difusión do produto como as operacións de elaboración, as de control de calidade e as relacionadas coa comercialización en puntos de venda directa na adega e fóra da adega, así como a plataformas para o desenvolvemento de comercio electrónico. A esta liña, o departamento que dirixe Rosa Quintana destina no 2015 un total de 2,7 millóns de euros e 8 millóns de euros para o período 2015-2018.

Rosa Quintana lembrou ademais que existe outra liña de axudas para a promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países. Na convocatoria do ano pasado resultaron beneficiarias destas achegas 31 empresas e organizacións, por un importe de 1,3 millóns de euros. Para o período 2015-2016 a dotación destas axudas é de preto de 3,6 millóns de euros.

Grupo Reboreda Morgadío

O Grupo Reboreda Morgadío fundouse nos anos 40 e está asentado nas zonas vitivinícolas do Ribeiro (Ourense) e do Condado (Pontevedra). Está orientado cara a elaboración de viños de calidade e viños de finca. Na área do Ribeiro posúe Bodegas Campante, cuxas instalacións visitou hoxe a conselleira, e Adegas do Miño. Na zona de Rías Baixas está presente a través de Adegas Morgadío, situada en Crecente (Pontevedra).

También te podría gustar...