Día da Natureza na Serra da Lastra
- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañou aos rapaces do CEIP de Rubiá “Virxe do Camiño” na actividade dirixida a salientar os principais valores naturais do espazo protexido e as especies de fauna e flora protexidas existentes nel
- Martínez subliñou que a Xunta leva investidos nos últimos anos máis de 600.000 euros neste parque natural e asegurou que “é unha obriga de todos o seu coidado e mantemento”
“Os montes da Serra da Enciña da Lastra conforman un lugar de grande importancia ecolóxica no ámbito da comunidade galega, tanto pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats, como pola súa xeomorfoloxía e paisaxe”. Así o sinalou este mediodía o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, no acto celebrado neste parque nacional emprazado no concello de Rubiá para celebrar o Día Mundial da Natureza.
Os escolares do CEIP de Rubia “Virxe do Camiño” participantes nesta xornada visitaron o Centro de Interpretación de Biobra viron un documental do parque natural Serra da Enciña da Lastra, no que se salientaban os os principais valores naturais do espazo protexido e as especies de fauna e flora protexidas existentes nesta zona, e presenciaron a solta dun gavilán do centro de recuperación do Veral en Lugo. Rogelio Martínez lembroulles que “é unha obriga para todos o seu coidado e mantemento. Estou seguro que a vosa estadía neste parque servirá para concienciarvos un pouco máis da importancia da protección da natureza”.
Neste acto o delegado territorial estivo acompañado polo xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Infraestrutura e Territorio, Victoria Núñez, e polo alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez.
O delegado territorial, na súa intervención, expuxo que a Xunta de Galicia neste parque natural, de máis de 3.150 hectáreas de superficie, leva investidos máis de 615.000 euros desde 2009. Estas subvencións “veñen a ratificar o compromiso da Xunta coa conservación, coa protección e coa mellora dos parques naturais da nosa comunidade e,máis en concreto, desta provincia”, afirmou.
Durante este ano está previsto que se execute as obras de sinalización do parque, o acondicionamento do Centro de Interpretación, e os traballos de protección de hábitats mediante o control de especies invasoras, proxectos que contan cunha achega se 63.000 euros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.