O Observatorio Económico reflicte que na comarca de Verín o emprego industrial crece un 4,2 % e o dos servizos un 2,3 %

1 2015 MB e Obs Vern

 

O presidente da Deputación de Ourense e do Inorde, Manuel Baltar, participou onte no acto de presentación dos resultados do Observatorio Económico Ourensán da comarca de Verín, no que estivo acompañado polo alcalde de Verín, Juan Jiménez Morán, e polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, así como por alcaldes da comarca, técnicos de emprego, empresarios e axentes sociais.

O Observatorio Económico Ourensán, medida enmarcada no Plan Ourense 92, é unha ferramenta que desenvolve a Deputación a través do Inorde para a análise económica, laboral, empresarial e social da situación económica da provincia ourensá nas súas comarcas. O Observatorio nace da implicación das institucións (Deputación e Inorde), a universidade e o ámbito empresarial, e na súa elaboración intervén un equipo multidisciplinar de profesionais e universitarios especializados, coordinados polo profesor José María Chamorro.

No que atinxe ao informe da comarca de Verín presentado hoxe destaca o crecemento do emprego industrial a un ritmo anual do 4,2% e o do sector servizos ao 2,3%. O mercado de traballo da industria está formado na actualidade por preto de 750 empregos e o dos servizos por algo máis de 2.800. En ambos sectores, esta comarca concentra preto do 5% do emprego provincial.

Como comarca transfronteiriza con recursos termais, naturais e patrimoniais, con fortaleza comercial, con potencial industrial e con destacado desenvolvemento dos servizos e do sector agroalimentario, Verín concentrará accións e iniciativas nos catro grandes eixos de actuación establecidos pola Deputación de Ourense para o horizonte 2020: os proxectos «Ourense Provincia Intelixente», «Ourense Termal» e «Competitividade Ourense», e a Axencia Provincial de Enerxía e Medio Ambiente.

Manuel Baltar destacou na presentación que o Observatorio é unha importante ferramenta para deseñar e aplicar políticas públicas, «pois entre outras iniciativas, á Deputación serviulle para poñer en marcha o Plan «Transforma Ourense» e a estratexia de fondos comunitarios, porque nos da datos a nivel local, comarcal e provincia». O presidente do goberno provincial avanzou que nos vindeiros meses o Observatorio completarase cun estudo demográfico –como xa anunciara no Debate sobre o Estado da Provincia-, e que todos os datos «poñémolos a disposición de veciños, empresas, administracións públicas e tamén das formacións políticas, mesmo para poder elaborar programas electorais». Baltar remarcou que se a Deputación de Ourense non fixera este traballo «non existiría a accesibilidade a estes datos», «por iso –dixo- o Observatorio é un instrumento fundamental para facer políticas a prol dos cidadáns».

En relación ao informe de Verín o xerente do Inorde dixo que dentro da industria as tres ramas con maior ritmo de xeración de emprego na comarca de Verín son a da industria química e farmacéutica, cun incremento anualizado do 21%; a da alimentación e bebidas, cunha subida do 18%; e a da metalurxia e fabricación de produtos metálicos, cun pulo do 7%. José Manuel Rodríguez tamén detallou que o grupo da alimentación e bebidas sustenta o 42% do emprego industrial da comarca, o téxtil preto do 19%, a madeira o 11% e a metalurxia o 10%.

Mentres, no sector servizos lideran a xeración neta de emprego as actividades profesionais e técnicas, cun 9% de aumento anual; a hostalaría, cun 3%; e o comercio, cun 2%. Esta última rama, a do comercio, impulsa a metade dos empregos existentes dentro do sector servizos no conxunto da comarca de Verín, mentres que a achega da hostalaría é do 21% e a do transporte e almacenamento do 13%.

En canto á composición comarcal do sector alimentario, o xerente do Inorde apuntou que Verín concentra o 60% das empresas ourensás de augas envasadas, o 18% das produtoras de vexetais e derivados, o 14% das de azucres, derivados e mel, o 10% das de aditivos e aromas e igualmente o 10% das de bebidas alcohólicas.

Comarca líder en crecemento do emprego

Por outra parte, e no cómputo xeral de todos os sectores, esta comarca liderou o crecemento neto de emprego na provincia de Ourense durante os tres primeiros trimestres de 2014. Sen embargo, no último trimestre do ano sufriu un moderado empeoramento que suavizou a taxa de crecemento das afiliacións desde máximos do 3% ata o 0,5% ao peche do exercicio. Con todo, mantense como unha das tres comarcas ourensás -xunto con Ourense e Allariz-Maceda- con menor perda de emprego desde o inicio da crise.

En 2014, os concellos con maior porcentaxe de creación de emprego foron Oímbra (7,3%) e Vilardevós (5,1%). O municipio de Verín impulsou un 0,4% de novos empregos.

Finalmente, José Manuel Rodríguez salientou que o ano pasado a redución anual do paro achegouse ao 4%, mentres que na cabeceira de comarca alcanzou o 6%, en contraste cun incremento do 6,5% en Castrelo do Val. A nivel municipal, o ano pasado só houbo aumento de parados en dous dos oito concellos da comarca, o citado Castrelo do Val e Riós (1,4%)

También te podría gustar...