A Consellería de Cultura e Educación abre un proceso de diálogo cos reitores para abordar unha acción conxunta na posible transformación de graos a 3 anos
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, reuniuse hoxe cos reitores das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia co fin de acordar unha acción coordinada na aplicación voluntaria do Real Decreto polo que se modifica o Real Decreto 1393/2007 que establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, así como o Real Decreto 99/2011 polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento; un texto que permite flexibilizar a duración dos graos entre os 180 e os 240 créditos. Esta primeira xuntanza serviu para abrir un proceso de diálogo, en aras de conseguir o mellor resultado para o alumnado do SUG neste proceso. “Agardamos que este proceso, que aínda ten certo tempo para implementarse nos permitan chegar a puntos de encontro que redunden na mellor universidade e formación posible, e que os titulados de hoxe nos posibiliten ter unha Galicia mellor no futuro”, sinalou o conselleiro.
Neste momento a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) ten en marcha un proceso de avaliación da totalidade das titulacións, co fin de sinalar as que serían susceptibles de acurtar a súa duración a 3 anos sen prexuízo de manter a calidade da docencia e a posibilidade de acceso ao mundo laboral, así como a conveniencia académica e profesional da transformación en cada caso. Unha vez rematado o traballo da CRUE, a Consellería abordará de novo cos 3 reitores a aplicación concreta do Real Decreto en Galicia, respectando as decisións que as universidades tomen neste sentido no desempeño da súa autonomía.
Na xuntanza o conselleiro considerou factible e axeitado o prazo acordado pola CRUE para comezar a impartir os primeiros graos con esta nova duración no curso 2017-2018. Neste sentido cómpre lembrar que un grao que se implantara en setembro de 2017 tería que presentar a solicitude de envío a verificación en xullo de 2016, polo que o prazo suxerido pola CRUE é necesario para que cada universidade poida traballar na adaptación dos graos que considere conveniente mudar.
Prezos públicos
Outro dos temas abordados na reunión foi a posibilidade de reducir o prezo dos créditos dos máster universitarios, titulacións que neste momento só representan o 8,55% do alumnado do SUG, polo que baixar a duración dos graos un ano suporá un gran aforro para as familias, así como de tempo para o estudantes. Neste sentido a Consellería recordoulles aos reitores que, de respectar os prazos acordados pola CRUE, os máster vinculados aos graos de 3 anos comezarían a impartirse no curso 2021-2022, polo que aínda existe unha ampla marxe temporal para abordar esta cuestión. En calquera caso, cómpre lembrar que Galicia é actualmente a Comunidade cos prezos de matrícula máis baixos en graos universitarios e que o prezo medio do crédito de máster na nosa comunidade está moi por debaixo da media de España.
Polo tanto, unha vez definidos os títulos susceptibles de transformación, será o momento de abordar a posibilidade de modificar os prezos públicos dos máster para continuar garantindo o acceso do alumnado á universidade en igualdade de condicións.