Cultura e Educación celebra hoxe luns no Gaiás un baile de Entroido coas mellores cancións da historia do rock
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación celebra este luns, 16 de febreiro, ás 18 horas un Baile de Entroido no que gozar coas mellores cancións da historia do rock. Só por ir disfrazados ou con máscara, pais e nenos están convidados a asistir de balde ao Museo Centro Gaiás a un concerto moi especial da man da ‘Rock and Kids’, banda formada por iconas do rock como Amy Guay, Angus, Jon Limón, Fredy Mercurio e Kiss. Xunto a eles, faremos un percorrido pola historia do rock a través dos seus temas máis míticos.
O concerto da Rock and Kids estará conducido por unha mestre de cerimonias moi especial: StarSuperStar, que se encargará de propoñer un xogo por tema para que pequenos e maiores bailen xuntos e acaben convertidos nas grandes estrelas do espectáculo. Ademais, ao inicio e ao final do espectáculo, os asistentes poderán posar nun divertido photocall no que converterse en verdadeiras estrelas do rock e levar un recordo para casa.
Entrada de balde
Con esta actividade, Cultura e Educación aposta polo lecer compartido cun dobre obxectivo: educar e divertir ao mesmo tempo. A través da música, os nenos adquiren conceptos básicos como ritmo, compás, tipos de instrumentos…; inícianse no inglés a través das cancións e melloran a súa coordinación mediante o baile. E todo unha forma amena e na que facilitar a conexión e a complicidade entre pais e fillos.