O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompaña a Neira Vilas na presentación do libro ‘Lar, Nai, Pan’
O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, acompañou ao escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas no acto de presentación do libro “Lar, Nai, Pan”, que se celebrou este serán na librería compostelá Pedreira.
“Con Lar, Nai, Pan regresamos ao Neira Vilas en estado puro. Á evocación da infancia, da terra nai, dun pasado neiraviliano que xa é de todos nós e que esta nova edición de Galaxia viste de modernidade coa contribución dunha xenial Uxía Blanco cargada de forza, de sensibilidade e de lirismo na evocación da figura das nais como piares de sabedoría e de seguridade ante a vida”, destacou García Gómez. O acto contou tamén coa participación do director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes; e mais da actriz Uxía Blanco.
‘Lar, Nai, Pan’
Neira Vilas recompila en “Lar, Nai, Pan” nun só volume –ao igual que xa o fixo “Charamuscas” (1993)- a poesía en prosa recollida por separado nos monográficos “Lar”, “Nai” e “Pan”, editados nos anos 1973, 1980 e 1986, respectivamente. Como novidade inclúe un cedé no que Uxía Blanco interpreta as pezas de “Nai”, coas que Neira Vilas lle rendeu tributo a súa nai en particular e á figura das nais en xeral.
Malia seren escritas en anos diferentes, estas tres pezas que agora volve editar Galaxia gardan continuidade e comparten o mesmo ton poético, a mesma vontade de síntese e o mesmo afán evocador da infancia, da adolescencia e do tempo ido que caracterizan a obra neiraviliana. As páxinas chaman á reflexión e á saudade dos momentos vividos e dos escenarios íntimos, particulares e comúns, do múltiple devir da sociedade galega nos seus sentimentos, dores e esperanzas. En “Lar, Nai, Pan” é todo vello e novo ao mesmo tempo, pasado e presente, cavilación e vibrante latexo.