Educación mellora os accesos do CPI Laureano prieto ao Pavellón Polideportivo da Gudiña

CPI Gudiña

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou esta mañá o CPI Laureano Prieto, situado no concello da Gudiña, para informarlles das obras de mellora dos accesos ao pavillón polideportivo que se executarán este ano e que incluirán a instalación dunha marquesiña.

 

Acompañado polo director do centro, José Francisco Gago, e pola xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Mercedes Gallego, percorreu as instalacións do centro educativo e comprobou a necesidade de mellorar os accesos ao pavillón polideportivo municipal, emprazado ao carón do CPI, e de instalar unha marquesiña, xa que na actualidade os alumnos e alumnas do centro teñen que atravesar o espazo que separa os dous edificios ao aire libre. Nesta actuación o departamento educativo investirá 22.000 euros.

 

O delegado territorial indicou que a Xunta executará estas obras de mellora durante o período non lectivo das vacacións de verán, co fin de non interferir na actividade académica e para que poidan estar rematados de cara ao inicio do próximo curso escolar.

 

Rogelio Martínez lembrou o compromiso da Xunta de Galicia coa calidade educativa e as infraestruturas da provincia de Ourense. Así, anunciou que a Consellería de Educación investirá este ano preto de 580.000 euros nas obras de reforma, ampliación e  mellora (RAM) de centros de Primaria e Secundaria ourensáns .

 

También te podría gustar...