As obras do río Badella, en Bande, permiten a mellora medioambiental desta contorna fluvial

MB e ro Badella

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño–Sil, Francisco Marín; o alcalde de Bande, José Antonio Armada, e a deputada Ana Belén Vázquez, visitaron onte as obras de acondicionamento do leito e marxes do río Badella ao seu paso por Bande, unhas actuacións nas que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente investiu 430.000 euros para a mellora medioambiental desta contorna fluvial.

Estas actuacións están incluídas no programa operativo de financiamento con cargo aos Fondos de Desenvolvemento Rexional (Feder), e contan coa participación e apoio cidadán das poboacións implicadas, co obxectivo de levar a cabo actuacións para a mellora medioambiental no ámbito do río. Os traballos foron financiados nun 80% a través de fondos europeos e o 20% restante foi sufragado polo propio organismo de conca. O Concello de Bande, pola súa banda, puxo a disposición os terreos necesarios para a execución das obras.

As actuacións comezaron coa demolición, limpeza e roza dalgúns elementos inadecuados situados no leito e marxes do río Badella, entre eles o antigo matadoiro municipal situado no leito do río. Posteriormente procedeuse á construción de camiños peonís para a conseguir un corredor fluvial natural de máis de 1.2 quilómetros á altura do antigo matadoiro municipal e ata as proximidades do pavillón de deportes, unidos por un pontón próximo ao núcleo urbano.

O proxecto tivo como obxecto resolver o alto grao de degradación ambiental que presentaba o río Badella, potenciando a integración do río no núcleo urbano e permitindo a convivencia de ámbolos dous para o desfrute de actividades de ocio no ámbito fluvial.

También te podría gustar...