Vázquez Abad clausura no CIFP A Farixa de Ourense unha xornada do programa da Consellería de Cultura e Educación ‘Atrévete’, co alumnado do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e a subdirectora xeral de formación profesional, María Eugenia Pérez, clausurou no CIFP A Farixa unha actividade enmarcada no programa ‘Atrévete’, no que participaron 42 alumnos e alumnas e profesores do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia. Esta iniciativa desenvolvese no marco do Plan de emprendemento do sistema educativo de Galicia, Eduemprende, en colaboración coas asociacións de empresarios e poden participar todos os centros sostidos con fondos públicos que imparten 6º de Primaria e 2º de ESO na Comunidade Autónoma e ten como obxectivo fomentar, motivar e sensibilizar ao alumnado no espírito emprendedor.
Actividades do programa
A primeira liña de actuación do programa ‘Atrévete’ dirixida aos grupos de 2º da ESO, basease no achegamento ao tecido industrial da súa contorna a través de visitas ás empresas das diferentes asociacións colaboradoras no programa, en concreto a do Polígono de Sabón-Arteixo (A Coruña), a de Ferrolterra (Ferrol), a do Tambre (Santiago de Compostela), ademais do Ceao (Lugo), a de San Cibrao (Ourense), e a do Polígono das Gándaras (O Porriño). Os percorridos polas compañías complétanse cunha reunión cunha persoa emprendedora na sede de cada unha das devanditas asociacións.
No caso dos estudantes de 6º de Primaria o programa contempla o desenvolvemento de actividades nos Centros Integrados de Formación Profesional nas que terán a oportunidades de achegarse ás experiencias emprendedoras das súas respectivas comarcas, da man de empresarios da zona; así como de percorrer os propios CIFP e coñecer as ensinanzas que neles se imparten e as iniciativas de emprendemento que nacen nos seus viveiros de empresa. Segundo as previsións iniciais implicaranse neste calendario de actividades os CIFP Someso (A coruña), Ferrolterra (Ferrol), Politécnico de Santiago, Politécnico de Lugo, Manuel Antonio (Vigo) e A Farixa (Ourense).
O programa complétase, un ano máis, co concurso ‘Atrévete a ter unha idea’, no que as alumnas e alumnos participantes deberán propoñer unha idea de negocio e redactala en, como máximo dous folios. Haberá un premio para 6º de Primaria e outro para 2º de ESO, que consistirá nun ebook.