Turismo de Galicia asina un novo convenio con Renfe e a Deputación de Ourense para a posta en marcha de ‘Galicia a todo tren 2015’
O programa ‘Galicia a todo tren’ converteuse no gran protagonista da programación de Turismo de Galicia na segunda xornada da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur.
O expositor de Galicia acolleu no día de hoxe, en presenza da Ministra de Fomento, Ana Pastor, a firma entre a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o presidente de Renfe, Pablo Vázquez, do convenio de colaboración para a promoción conxunta de actividades relacionadas co ferrocarril e co sector turístico de Galicia.
Deste xeito, grazas a este convenio un ano máis poñerase en marcha neste 2015 o programa ‘Galicia a todo tren’ que incluirá o tren Al-Ándalus, os Trens Turísticos de Galicia, o Galicia Rail Pass e o Train and Breakfast Camiño de Santiago.
A directora de Turismo de Galicia afirmou que ‘Galicia a todo tren’ é un proxecto diferencial do destino con grandes dosis de competitividade no mercado turístico. Así mesmo, Nava Castro afirmou que esta iniciativa proporciona ao viaxeiro un novo modo de descubrir algúns dos recursos turísticos máis singulares de Galicia.
A responsable de Turismo de Galicia sinalou o gran éxito co que cerrou a campaña dos Trens Turístico o pasado ano ao rexistrar máis de dos mil viaxeiros e unha ocupación do 81,71%. Nesta liña, Nava Castro destacou a creación de sinerxias entre os diferentes sectores e axentes, a conciliación do aproveitamento turístico dos territorios e a preservación do medio como factores fundamentais no éxito deste produto.
Premio ao Mellor Produto de Turismo Activo Nacional
Así mesmo, nesta xornada, o produto Trens Turísticos de Galicia foi galardoado na XX Edición dos Premios de Turismo Activo de Fitur como Mellor Produto de Turismo Activo Nacional na modalidade de cultura.
O premio, concedido pola organización de Fitur en colaboración coa Revista Aire Libre, recoñeceu así o traballo de Turismo de Galicia no desenvolvemento de proxectos que amplían a oferta turística da comunidade a través da adopción de políticas turísticas que fomentan o desenvolvemento sostible.
O expositor de Galicia acolleu nesta segunda xornada 14 presentacións
A directora de Turismo de Galicia participou tamén ao longo do día en diversos actos e presentacións de promoción turística da Comunidade.
O expositor de Galicia acolleu nesta segunda xornada de Fitur un total de catorce presentacións organizadas por Turismo de Galicia, o Concello de Laracha, o Concello de Lugo, Área Santiago, Turismo de Santiago, Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, o Inorde da Deputación de Ourense, o Grupo de Acción Costeira (GAC4), a Axencia de Desenvolvemento Local do Concello de Camariñas, Expourense a Eurocidade Chaves-Verín, o Concello de Catoira, a Mancomunidade do Salnés e a Asociación Solpor.