A Consellería de Cultura e Educación investirá 290.000 euros na reparación das cubertas do IES Universidade Laboral de Ourense
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licitará o próximo mes de febreiro obras por importe de 290.000 euros para a reparación da cuberta do IES Universidade Laboral de Ourense, unha actuación que suporá a renovación de 1.786 m2 cubrición, así como o repintado dos espazos afectados polas humidades. En concreto actuarase sobra as partes da cuberta correspondentes ao módulo de administración, parte do corredor, aulas de plástica e de audiovisuais, almacén do laboratorio, biblioteca, sala de caldeiras e hall de acceso.
En todos estes espazos, agás o hall, retirarase a actual cuberta de fibrocemento para substituíla por unha nova de panel metálico tipo ‘sandwich’ de 5 centímetros de espesor. A singularidade da cuberta do hall de acceso, con 121 claraboias semicirculares que dotan ao espazo de luz natural pero que supoñen problemas por goteiras, resolverase mediante a superposición dunha cuberta translúcida a dos augas que minimice os puntos de encontro – posibles vías de auga- na cuberta. A actuación, que está previsto executar durante o verán, desenvolverase sen afectar ao actual aspecto exterior do edificio nin a súa volumetría, xa que as pendentes se manteñen – como as actuais- dentro dos petos de formigón existentes.
Esta nova intervención eleva a máis de 482.000 euros o investimento do departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad en obras neste centro desde o ano 2009. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería realizou nestes últimos anos diferentes melloras tanto na propia cuberta do instituto como no patio, no pavimento ou sala de caldeiras, así como reestruturación de espazos para mellorar a oferta de ciclos formativos no centro.