A “Gallaecia Big Band” e “Las Brownies” encherán de ‘swing’ o Salón Teatro de Cultura e Educación no seu concerto deste venres

image_gallery

O Salón Teatro da Consellería de Cultura e Educación será o escenario este venres día 23, ás 21.30 horas, dun espectáculo musical no que a Gallaecia Big Band acompañará o trío vocal feminino Las Brownies. Este concerto especial rememorará o swing dos anos trinta e corenta, recuperando o espírito e a elegancia característicos dese estilo e desa época.

Baixo a a dirección de Cristian Leggiero, a “Gallaecia Big Band” regresa así ao Salón Teatro, onde xa actuou o pasado mes de maio no que foi o debut nos escenarios desta formación orquestral, nacida ao abeiro do programa da TVG ‘Heicho cantar’. Desta volta, preséntanse por vez primeira xunto a Las Brownies cun total de 12 músicos: tres da sección rítmica e nove de vento-metal.

Pola súa banda, Paula Romero, Paty Lesta e Carla Green integran un novo trío vocal, que iniciou recentemente a súa aventura musical da man de Ramón Bermejo como artífice e encargado dos arranxos musicais. O jazz e o swing son a base do seu repertorio, no que teñen como referentes nomes míticos como Duke Ellington ou The Miracles.

Venda de entradas

As entradas para este concerto poden mercarse a un prezo de 10 euros a través da páxina web entradas.abanca.com ou na billeteira do Teatro Principal (Rúa Nova, 22), aberta de 18.00 a 21.00 horas. No despacho de billetes do Salón Teatro, estarán á venda o mesmo venres a partir das 19.30 horas.

A oferta musical na sede do Centro Dramático Galego continuará este mesmo mes coa presentación o día 29 do novo proxecto en solitario de Brais Morán, coñecido como cantante e guitarrista da banda galega de funk Loretta Martin. Ademais, Xavier Varela protagonizará dous monólogos os días o 5 e 6 de febreiro, para os que contará tamén con música en directo.

También te podría gustar...