O DOG publica a convocatoria de subvencións para proxectos de cooperación ao desenvolvemento
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar na súa edición de hoxe a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva para proxectos e microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, que no bienio 2015-2016 ascende a 3.650.000 euros, dos que 1,8 millóns corresponden ao 2015 e os restantes ao ano 2016. Así se establece no marco normativo das axudas aos Proxectos no exterior executados polas Organizacións Non Gobernamentais de Cooperación ao Desenvolvemento (ONGD), dos Proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación recoñecidos pola lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, como son universidades, empresas, sindicatos, fundacións, e comunidades galegas; e dos microproxectos no exterior executados polas Organizacións non Gobernamentais de Cooperación ao Desenvolvemento (ONGD) e polos outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.
A convocatoria de subvencións para proxectos de cooperación no exterior de ONGD vén publicándose anualmente dende o ano 1995; a de axudas para proxectos no exterior de outros axentes, dende o ano 2003; e a de microproxectos no exterior de ONGD, dende o ano 2008. Coa finalidade de acadar unha maior redistribución dos fondos, nesta convocatoria varíanse os criterios de financiamento de xeito que se financiarán como máximo dous proxectos, ben sexa individuais o en agrupación, e ademais as entidades que presenten solicitudes á convocatoria de proxectos no exterior non poderán presentarse á convocatoria de microproxectos no exterior e viceversa.
A convocatoria de microproxectos no exterior ábrese por primeira vez aos outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento que estean inscritos no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
III Plan Director Cooperación Galega 2014-2017
Estas tres convocatorias enmárcanse no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, así como no proxecto de Plan Anual da Cooperación Galega 2015. Na procura de dar cumprimento á estratexia prevista no III Plan Director, as convocatorias baséanse na aposta por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación, por unha cooperación máis selectiva, de maior impacto e presenza, concentrada xeográfica e sectorialmente, o que redundará nunha maior visibilidade da Cooperación Galega.
Tamén se fai fincapé nunha maior orientación estratéxica, coa posta en valor das vantaxes diferenciais de Galicia, coma son a cooperación en sectores nos que Galicia pode ofrecer unha experiencia e coñecementos específicos como a pesca ou a cooperación en países de fala lusófona ou naqueles latinoamericanos onde hai cultura de cooperación dos nosos axentes.