Os participantes na iniciativa da Xunta MÁIS QUE COMERCIO! elixen Electrodomésticos Afonso Otero no CCU en Verín
Os participantes na iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de novembro nos negocios asociados ao centro comercial urbano de elixiron como o seu establecemento favorito a tenda de electrodomésticos Afonso Otero.
Este negocio, un proxecto familiar que comezou a funcionar hai 24 anos, foi o que máis clicks recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían o seu comercio preferido. Na actualidade a empresa asociada ao grupo Tien21 conta cun equipo de 12 traballadores e dedícase a venda e instalación de electrodomésticos e de mobles de cociña.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, foi o encargado xunto co alcalde da localidade, Juan Manuel Jiménez, e o presidente do CCU de Verín, José Ángel Rodicio, de entregar o diploma ao establecemento máis votado nun acto no que tamén se entregaron agasallos aos clientes gañadores.
Martínez salientou que Máis que Comercio! se centra en destacar o traballo dos centros comerciais abertos, unha fórmula que permite, desde o asociacionismo, o desenvolvemento de estratexias para a posta en valor da ampla oferta comercial coa que contan as vilas e cidades galegas, en cuxas rúas comparten espazo coas tendas a hostalería e todo tipo de servizos. Do mesmo xeito, resáltanse os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade. Esta iniciativa, que no centro comercial urbano de Verín rexistrou máis de 6.400 participacións de usuarios dos comercios que se sumaron á campaña, estivo a percorrer Galicia durante todo o ano.
Rogelio Martínez lembrou que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal se inclúe o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales o CCU de Verín resultou beneficiado con apoios por máis de 39.000 euros.