Manuel Baltar recibe ás xogadoras ourensás de fútbol sala que participaron no Mundial de Costa Rica
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo asesor de Deportes da institución provincial, Bernardino González, recibiu hoxe no Pazo Provincial ás xogadoras do Club Cidade das Burgas, Vanessa Sotelo e Iria Saeta, que veñen de participar coa Selección Española de Fútbol Sala Feminino no Campionato do Mundo de Costa Rica, onde o combinado español acadou a medalla de bronce.
O presidente provincial felicitou ás xogadoras polos seus éxitos, agradeceulles o seu esforzo e fíxolles entrega dun agasallo institucional da Deputación.
Manuel Baltar destacou o gran nivel exhibido polas xogadoras ourensás no mundial, no que destacou sinaladamente Vanessa Sotelo, quen foi xunto á brasileña Vanessa Pereira a máxima goleadora do campeonato. Baltar agradeceu tamén o labor que ven desenvolvendo o club Cidade das Burgas na promoción desta modalidade deportiva, convertendo a Ourense nun referente de ámbito nacional dentro do fútbol sala feminino. Na actualidade, na máxima categoría militan dous clubes da capital ourensá como son o Cidade das Burgas e o Ourense C.F.