O BNG de Viana presenta moción sobre a creación dunha tarifa eléctrica galega

BNGSecundino Fernández Fernández, Xosé Antón Alfonso García e Antón Pérez Castro concelleiros do BNG na Corporación Municipal de Viana do Bolo, ao abeiro da lexislación vixente, apresentaron a MOCIÓN SOBRE A CREACIÓN DUNHA TARIFA ELÉCTRICA GALEGA.
A presentación desta moción atende á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, para que se rebaixe as peaxes das tarifas nun 30%, tanto para o consumo doméstico como para as empresas.

O sector enerxético ten para Galiza un valor estratéxico, polo que representa no seu Produto Interior Bruto e por ser un factor relevante para a produción industrial.

Desde o BNG indican que a pesar desa importancia, Galiza apenas contou con capacidade para deseñar e aplicar unha estratexia enerxética propia, orientada a un aproveitamento endóxeno dos seus recursos enerxéticos. Ao longo de anos, por decisións políticas, Galiza foise especializando na xeración de electricidade. Dese xeito, desempeñou un papel de centro subministrador de enerxía eléctrica para o resto do Estado español, con base no seu potencial hidroeléctrico e nos xacementos de carbón, acrecentado posteriormente co desenvolvemento do aproveitamento eólico e biomasa, e tamén coa construción de dous ciclos combinados de gas natural.

Enerxia exportada

Porén, e a pesar de que a xeración eléctrica leva aparellados uns moi importantes custos sociais e medioambientais, Galiza non tirou proveito desta actividade económica.  Ao contrario, ao estar sometida a un marco regulatorio e tarifario común en todo o Estado español, ás decisións adoptadas polas empresas eléctricas que actúan en réxime de oligopolio a través dos seus centros de decisión afastados de Galiza, nunca recibiu vantaxes do aproveitamento dos seus recursos, mesmo sofre en amplas zonas do país unha deficiente calidade da subministración eléctrica. No que atinxé á homénea política tarifaria, hai que subliñar que a tarifa eléctrica que se paga en Galiza inclúe peaxes de solidariedade interterritorial, como é o caso dos custos extrapeninsulares (Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla) que, no ano 2013, foron de 1.800 millóns de euros, cantidade pagada vía tarifas eléctricas.

Esta tarifa eléctrica galega non será algo novo xa que no caso do Estado español, na actual proposta de peaxes eléctricos realizada polo Goberno central, logo dun pacto co Goberno de Euskadi, recolle o cambio de definición das redes de alta tensión para que teñan collida unha parte moi significativa da rede de distribución vasca, que neste caso é singular, o cal vai permitir a partir de 2015 uns prezos máis baixos para a industria de EuskalHerria, nunha rebaixa que se estima nun 15% nas peaxes e nun 12,5% no termo de enerxía.

 

 

 

También te podría gustar...