Sobresemento e arquivo de actuacións no temas das depuradoras da Deputación de Ourense
O xuíz do Xulgado de Instrución número 2 de Ourense ven de acordar o sobresemento e arquivo de actuacións no tema das depuradoras da Deputación de Ourense, segundo o auto ditado o 9 de decembro de 2014, no que sinala na súa parte dispositiva que se acorda “o sobresemento libre e arquivo das actuacións en canto ao procedemento de licitación e adxudicación das prantas depuradoras incluídas nos proxectos Daredo e Deputrans”, e engade que continúan as presentes actuacións “como Dilixencias Previas en orde á averiguación de se concorre ilicitude penal na adxudicación das asistencias técnicas realizada á empresa Netglobal en data 27 de xaneiro de 2004”.
Nos fundamentos xurídicos o auto recolle que do conxunto das supostas irregularidades que foron obxecto da denuncia, “non todas eles teñen encaixe en vía penal, sendo algunha carente de relevancia a tales efectos”. No que se refire a un dos aspectos que fora obxecto de denuncia: a posible predeterminación do concurso en favor dunha empresa determinada, o xuíz determina que o perito xa afirmara no seu momento “que as características técnicas esixidas en canto a materiais e configuración das depuradoras o eran de mercado. Ante esta afirmación procedeuse ao arquivo provisional do procedemento”, e engade que a vista “do resultado comparativo do cumprimento das características técnicas polas empresas que concorren, non se aprecian especiais circunstancias que poidan facer presumir unha predeterminación das mesmas a favor dunha empresa determinada”.
Por outra banda, no que atinxe ás asistencias técnicas o instrutor considera que este “é un aspecto que aínda non está suficientemente aclarado e antes de proceder ao peche da instrución cre necesaria a averiguación e no seu caso a toma de declaración de quen na data dos feitos prestaban seus traballos para Netglobal”.