A Deputación aproba axudas de cooperación cos concellos por importe de 800.000 € para zonas verdes e infraestruturas culturais e deportivas
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de axudas para municipios da provincia de Ourense por importe de 800.000 euros, dentro dos programas de cooperación cos concellos para a execución de infraestruturas culturais e deportivas e para parques, xardíns e zonas verdes. Desta maneira, os beneficiarios no que atinxe ás axudas para infraestruturas deportivas (300.000 euros) serán 41 concellos, mentres que para as infraestruturas culturais (300.000 euros) serán 34 municipios, o mesmo número de concellos que para a execución de parque, xardíns e zonas verdes (200.000 euros).
A xunta de Goberno tamén aprobou a modificación do Plan anual de publicacións para o exercicio 2014, acordando reducir a dotación para unha edición conmemorativa do 250º aniversario do pasamento do Padre Feijóo, que queda fixada en 4.000 euros, e acordou modificar o orzamento destinado á edición de obras seleccionadas mediante procedemento de concorrencia competitiva, fixando o dito orzamento na contía de 77.993,52 € euros.
Declaración no Día Internacional contra a Corrupción
Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou hoxe unha declaración no Día Internacional contra a Corrupción na que deixa constancia “da importancia que ten o desenvolvemento de iniciativas que contribúan a loitar contra calquera tipo de corrupción, ben sexa no ámbito social, político ou económico, pois desterrar estas prácticas e levar a cabo labores preventivas e de concienciación social contribuirán a reforzar o carácter democrático da nosa sociedade e a credibilidade das nosas institucións”.
“As medidas innovadoras que neste senso puxo en marcha a Deputación de Ourense –sinala a declaración-, moitas delas pioneiras en Galicia e no resto do Estado, abren novas perspectivas para enfocar a xestión pública, que debe estar sempre presidida pola transparencia o rigor e a eficacia. Proba diso é a implantación por parte da Deputación de Ourense do primeiro Código Ético e de Conduta dun goberno local intermedio en España; ou o feito de que esta deputación ocupe o 3º posto -dun total de 45- dos gobernos provinciais de España en materia de Transparencia, segundo o ránking de Transparencia Internacional. A isto hai que engadir que a Deputación de Ourense foi tamén a primeira administración en contar cunha ordenanza específica de Transparencia (mañá entrará en vigor a lei estatal), e tamén súa foi a iniciativa de organizar a I Conferencia de Presidentes de Gobernos provinciais de España, onde a Transparencia foi un dos temas principais do debate, así como que a RPT de 2015 incorpore unha unidade administrativa de “Transparencia e participación cidadá”, medida igualmente de vangarda neste ámbito”.
Conclúe a declaración destacando que á corrupción “fáiselle fronte con determinación, coa forza da lei e coa rigorosidade da máxima transparencia e total información, facendo partícipes aos cidadáns de todas e cada unha das decisións que adopta un goberno, pois os responsables das institucións están precisamente ao fronte delas para traballar a prol da cidadanía e para compartir con ela todos os procesos, evolucións e resultados da súa xestión”.