Licitadas hoxe as obras para mellorar a captación de auga no Concello de Vilamartín de Valdeorras por un importe de máis de 214.000 euros

Concello de Vilamartin de Valdeorras

 

Licitadas hoxe as obras para mellorar a captación de auga no Concello de Vilamartín de Valdeorras por un importe de máis de 214.000 euros.

Despois de que o Consello da Xunta acordara o financiamento desta actuación, o Diario Oficial de Galicia fai público este contrato. Estas actuacións, que executará Augas de Galicia, son necesarias para renovar o servizo de abastecemento neste concello de case 2.000 habitantes e buscarán solucionar as deficiencias do sistema de captación actual. O prazo de execución dos traballos que recolle o prego de contratación é de catro meses.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita hoxe as obras para mellorar a captación de auga no Concello de Vilamartín de Valdeorras por un orzamento de máis de 214.000 euros. Despois de que o Consello da Xunta de Galicia aprobara a colaboración técnico- financeira do Goberno galego co concello de Vilamartín de Valdeorras para a execución desta obra, o Diario Oficial de Galicia publica a licitación deste contrato cuxo prazo de execución é de catro meses.

As obras, que levará a cabo Augas de Galicia, supoñen a execución das actuacións necesarias para renovar o servizo de abastecemento deste concello, que ten unha poboación de preto de 2.000 habitantes.

Actualmente, o núcleo de Vilamartín abastécese dunha captación formada por un azude existente nun afluente do río Leira, que se atopa nun deficiente estado de conservación e é practicamente inaccesible, o que complica o seu mantemento. Por outra banda, unha parte da traída é de fibrocemento de 200 milímetros, moi antiga e presenta continuas roturas.

As obras previstas comezarán pola limpeza da zona do azude, a substitución do cestón de grosos por unhas reixas de desbaste finas e unha malla, e dende este punto instalarase un pequeno tramo de condución. Así mesmo, executarase unha condución de PVC cunha lonxitude en case dous quilómetros, coa valvulería necesaria.

Unha vez estudada a petición do concello de Vilamartín de Valdeorras e examinada a súa situación económico-financeira, a Xunta acordou aprobar a colaboración técnico-financeira das obras e sufragar o 100 destas con cargo aos orzamentos de Augas de Galicia.

Pola súa banda, o Concello de Vilamartín de Valdeorras asume o compromiso de facerse cargo da explotación e mantemento das instalacións unha vez executadas e recibidas as obras.

As empresas interesadas en presentar as súas ofertas a este contrato de obra pública dispoñen ata o 9 de xaneiro.

 

También te podría gustar...