A Xunta colabora cos concellos de Calvos de Randín e Os Blancos para crear un paseo municipal que os comunique
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou esta mañá as obras de acondicionamento do paseo que unirá os concellos de Calvos de Randín e Os Blancos, cuxa execución finánciase ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público. Na visita Martínez estivo acompañado do alcalde dos Blancos, Xosé Manuel Castro.
O proxecto presentado conxuntamente por Calvos e Os Blancos consiste no acondicionamento do sendeiro existente na actualidade, pero que está moi danado, para crear un paseo municipal que una os dous concellos co obxectivo de dinamizar a zona. Unha vez rematen as obras, o paseo contará con sinais informativas da ruta e da fauna e flora existente, mobiliario urbano, así como unha área de descanso e outra de xogos para os máis pequenos.
O delegado territorial salientou a importancia destas pequenas actuacións que benefician directamente aos cidadáns e demostran as vantaxes da colaboración entre administracións. Así, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza concedeulle a estes dous concellos ourensáns unha subvención de 43.000 euros para executar este proxecto.
Rogelio Martínez asegurou que a Xunta continuará facendo un esforzo para apoiar aos concellos, non só a través desta orde, senón de moitas axudas máis cuxo compromiso xa se reflicte nos Orzamentos. É o caso do Fondo de Cooperación Local, que se mantén un ano máis; o Fondo de Compensación Ambiental; as axudas para o mantemento dos CIMs; ou o apoio decidido a aqueles concellos que opten por cooperar entre si, entre outros exemplos.