Manuel Baltar presenta a Arias Cañete o proxecto da Axencia da Enerxía e do Medio Ambiente para dar servizos aos pequenos e medianos concellos
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entrevistouse na súa segunda xornada en Bruxelas co comisario de Enerxía e Clima da Comisión Europea, Miguel Arias Cañete, a quen lle presentou á iniciativa que porá en marcha na provincia de Ourense, destinando inicialmente para a súa creación un orzamento de 512.000 euros no exercicio de 2015: a Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente, un organismo que terá como obxectivo dar servizo aos pequenos e medianos concellos no que atinxe ao subministro de equipamento e aforro e eficiencia enerxética.
Este modelo, a modo de «central de compras enerxética», «podería ser perfectamente exportable aos gobernos intermedios da Unión Europea e o seu traballo «en rede» posibilitaría -segundo lle explicou Manuel Baltar a Arias Cañete- un considerable aforro para os gobernos locais europeos á hora de negociar tarifas eléctricas e subministracións e na realización de infraestruturas enerxéticas, así como na eficiencia e na prestación de servizos aos cidadáns». Miguel Arias Cañete avalou a idoneidade do proxecto afirmando que «encaixa perfectamente nas liñas de acción prioritarias da UE dentro dos ámbitos da enerxía, o medio ambiente e a sostibilidade»
Dentro da filosofía de «goberno verde e provincia medioambiental» que a Deputación de Ourense promove coas estratexias que leva a cabo en materia medioambiental, a optimización e sostibilidade enerxética son liñas prioritarias de actuación para o goberno que preside Manuel Baltar, polo cal a Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente é un instrumento de planificación e xestión enerxética ao servizo dos concellos que ten a finalidade implantar un modelo sostible no ámbito enerxético nos municipios da provincia de Ourense.
Aforro, diminución das emisións do CO2, fomentar o uso das enerxías renovables e diminuír o consumo enerxético, todo elo para favorecer iniciativas de xestión enerxética máis eficientes, «son os obxectivos que se marca a axencia, cuxa entrada en funcionamento pode contribuír a mellorar as economías dos gobernos locais e ser fonte de competitividade», afirmou Manuel Baltar.
Conferencia sobre Gobernanza multinivel
O presidente provincial tamén participou hoxe no Comité das Rexións na conferencia que analizou a situación da «Gobernanza multinivel na Unión Europea». Nesta xornada debateuse por unha banda a política de cohesión da UE e a súa relación coa Estratexia Europa 2020, e por outra, o papel das rexións e cidades en relación coa comunicación e a cidadanía europeas. Neste evento participaron representantes institucionais de gobernos nacionais, rexionais e locais da UE así como expertos do ámbito académico.
Cabe salientar que as deputacións de Ourense e Castellón foron os primeiros gobernos provinciais de España en asinar a denominada «Carta de Gobernanza Multinivel en Europa», un documento que en Galicia só asinaron a Xunta e o Parlamento e que en Europa está asinada por 165 entidades territoriais. Ten como obxectivo a cooperación entre institucións e gobernos para acadar unha maior cohesión económica, social e territorial de Europa. A «Gobernanza multinivel», favorece as boas prácticas dos procesos decisorios en Europa e fomenta a creación de redes de entes locais ademais de alentar proxectos de cooperación.
Manuel Baltar defende a necesidade de «cooperar entre as distintas administración para acadar unha maior eficacia na realización de proxectos innovadores e necesarios para a cidadanía, iniciativas que se realizan co apoio da Unión Europea en colaboración con socios comunitarios e nas que priman os principios de subsidiariedade, proporcionalidade e asociación, concretados en estratexias de cooperación entre institucións». Unha alianza que favorece a dimensión internacional de Ourense, unha provincia, afirma Baltar, «que pola súa situación xeoestratéxica como centro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e polo peso da nosa emigración en Europa debe participar destas políticas de colaboración europea, e a «Carta de Gobernanza» é un instrumento que abre expectativas e xera oportunidades para seguir reforzando a cooperación política e administrativa entre os entes».
A finalidade da Carta, elaborada polo Comité das Rexións da Unión Europea, é conectar rexións e cidades de toda Europa, ao tempo que promover interaccións múltiples entre axentes sociais como son os gobernos provinciais, as universidades, as ONGs e as agrupacións representativas da sociedade civil, para outorgar solucións políticas que atendan as necesidades dos cidadáns.