Ditos, refráns e lerias galegas sobre fungos e cogumelos
Está a piques de rematar a época de recoller cogomelos. Chegadas xa as primeiras xeadas que anuncian a inminente chegada do vindeiro inverno, estes seres do reino “fungi” abandónannos ata a próxima primaveira.
Nós imos de seguido a lembrar certos ditos que atinxen a especies micolóxicas, non sen referir con anterioridade certos hábitos a ter en conta na recolleita dos gustosos cogomelos: non utilizar anciños, pois cómpre cortalos; só ficar no cesto os que coñezamos certamente; non mezclalos por mor de distinxilos,…
E aínda máis, xa que as imaxes ao marxe só se empregan de xeito exemplificativo, posto que coido que deberemos facelos analizar polos entendidos. E é que a morea de intoxicacións que se producen tódolos anos aconsellan ir amodo e, ante todo, levalos a identificar polos micólogos ao obxecto de aprender e non laiarnos logo.
DITAS, REFRÁNS E LERIAS QUE ATINXEN OS COGOMELOS:
A sabedoría popular creou algunhas ditas, a maneira de máximas ou ensinanzar a ter en conta. Entre outras, e por procurar resumir, referireime de contado a unha cativa man de expresións da veciña Valdeorras:
Polo que fai ao Lactarius deliciosus (fungo da muña, latoiro ou carneira) dise:
“Sombra de lateiro, fungos da muña no abeiro.”
E, doutra banda, emprégase a linguaxe deste xeito:
“Ollo á mexada, se fungos da muña, van na empanada.
Indica, asemade, a necesidade de non alporizarse ao ollar unha orina moi amarela.
E, noutro senso, temos nunha romanza:
“Cásate con el, se che deixa o anel.”
Quérese salientar o bon sabor deste abundoso cogomelo.
Ao respecto da macrolepiota procera (choupín, cogordo, palote, zarrota,…) cómpre relatar os seguintes refráns: (setas comestibles)
“Choupín, choupiñeiro, dime onde están os teus compañeiros.”
“Choupín, choupiñeiro, onde está o teu compañeiro.”
“Zarrota, zarroteira, dime onde está a túa compañeira.”
“Os palotes do rebusco teñen dobre gusto”.
Tódolos tres inciden no valor nutrititivo desta clase de cogomelo comestible.
Vencellados coa confusión ou erro de apañar macrolepiotas prexudiciais (tóxicas), no canto das desexables “proceras”, o subsconscente colectivo do rural inventou unha frase:
“Sete nun pé choupín malo é.”
Emporiso, cando se trata da Macrolepiota rhacodes, o conto muda:
“Choupín torgallo, á tixola con beluga e allo.”
O nome dos “orellos” galegos está vencellado ao xénero “Helvella”, o termo “cuncos” á Sascosphaera coronaria e a verba “pantorra” á morchela. Avísase para que non se proben ninguna delas crúas, polas súas negativas consecuencias na inxestión sen escaldar:
“Orellos, cuncas e pantorras escaldas “pra” que non morras.”
En relación coa “Fistulina hepatica”, que se atopa xeralmente a rentes dos castiñeiros vellos, espallouse o dito popular:
“Cando as caracochas empezan a pingar os fígados podes atopar.”
E volvemos, para pechar o relatorio, a idea do enceto: nunca se nos ocorra arriscarnos a “papar” cogomelos velenosos ou en mal estado e indixestos. A experiencia dos nosos antergos é ben proveitosa e amósanos comportamentos a seguir:
“Cando fales de cogomelos fala dos malos e non terás pleitos cos aconsellados.”
“Falar pouco, e mal, se de fungos tes que falar.”
“Vale máis fungo perdido que comido.”
“Fungo regalado con discreción tiralo.”
“Cogomelo murciado, xa rexeitado.”
“O que de cogomelos se farta, non lle ten medo á morte.”
“O fungo bo, pronto deixa de selo.”
“Se queres morrer, a cegas fungos coller.”
“Dun erro, faise un enterro.”
“O peor do erro é o enterro.”
“Moito tes que saber para cogomelos comer.”
“Comer cogomelos con aprensión fanche dano aínda que sexan bons.”
El Eco del Bierzo Marcelino B. Taboada