O PP do Barco volve a solicitar na comisión de medio ambiente a rebaixa da taxa do lixo para o ano 2015
-
Moisés Blanco lembra que “no mes de maio o alcalde comprometérase a revisar a taxa en decembro, cando se descoñecía a rebaixa que aplicaría Sogama, e agora négase tras falar de éxito na campaña de reciclaxe”
-
Moitos concellos de España, de Galicia e mesmo da provincia, como Verín ou Xinzo, aplicaron rebaixas das súas taxas aplicando a porcentaxe negativa do IPC, algo que no Barco soamente se realiza se é positivo e polo tanto supón a subida de impostos para os veciños e veciñas
-
SOGAMA aplicará unha rebaixa do 10 por cento no canon que cobra os concellos, e o lóxico sería que O Barco establecese a mesma rebaixa nos recibos
O portavoz do PP de O Barco, Moisés Blanco Paradelo, manifestou esta mañá que na Comisión de Medio Ambiente que se celebrou no día de onte, o grupo popular volveu a solicitarlle ao goberno municipal a rebaixa do recibo da taxa de recollida do lixo que terán que pagar os veciños e veciñas para o ano 2015.
Esta nova solicitude chega despois de que o grupo de goberno rexeitase unha moción que presentaran os populares barquenses no debate do pleno municipal celebrado o pasado 6 de novembro.
Moisés Blanco lembra que “no mes de maio o alcalde comprometérase a revisar a taxa en decembro, cando se descoñecía a rebaixa que aplicaría Sogama, e agora négase a facelo, tras falar de éxito na campaña de reciclaxe”.
O Portavoz popular afirma que “estamos convencidos de que, logo da redución do canon que Sogama lle cobra aos concellos, a rebaixa da taxa do lixo é algo xusto e razoable, tendo en conta, ademais, que o IPC segue sendo negativo e polo tanto, conxelando as taxas como pretende o alcalde, os barquenses pagarán máis impostos municipais para o ano 2015”.
Engade Blanco Paradelo, que “moitos concellos de España, de Galicia e mesmo da provincia, como Verín ou Xinzo, aplicaron rebaixas das súas taxas aplicando a porcentaxe negativa do IPC, algo que no Barco soamente se realiza se é positivo e polo tanto supón a subida de impostos para os veciños e veciñas”.
NOVA SOLICITUDE NA COMISIÓN DE MEDIO AMBIENTE
Por iso o grupo popular volveu a insistir na Comisión de Medio Ambiente que se celebrou onte no concello. Carlos Javier Crespo, edil popular responsable da área de medio ambiente lembrou que “o Consello de Administración de Sogama acordou unha rebaixa do 10 por cento no canon que cobra aos 296 concellos adheridos, que terá efecto a partir do vindeiro mes de xaneiro”.
O concelleiro popular recordou que desde o pasado mes de xullo, os veciños e veciñas de O Barco pasaron a pagar máis polo recibo do lixo, logo de que o goberno deste Concello, tras iniciar unha campaña de reciclaxe e anunciar incluso posibles rebaixas si se cumprían as súas previsións, acordara unha suba desta taxa no pleno de maio.
Carlos Javier Crespo, manifestou que “resulta totalmente contraditorio que despois de que o propio alcalde lle dixera aos barquenses que si reciclaban ben non faría falta subir o recibo do lixo e mesmo se podería efectuar unha rebaixa da taxa, o mesmo tempo desde o Concello se presuma de éxito na reciclaxe e, logo da rebaixa de Sogama, se neguen a baixala”.