O presentador Xose Ramón Gayoso e o humorista David Amor porán rostro á campaña da Xunta contra a violencia de xénero
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe a campaña institucional da Xunta para o 25 de novembro, Dia Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero, nunha rolda de prensa á que tamén asistiron os seus dous protagonistas: Xose Ramón Gayoso e David Amor.
A campaña recupera o lema do ano pasado, ‘Se a maltratas a ela, maltrátasme a min’, e está protagonizada por estes dous populares rostros galegos, que ofreceron a súa imaxe de xeito totalmente desinteresado. O presentador e o humorista recollen o testigo do actor Federico Pérez e o triatleta Javier Gómez Noya, imaxe da campaña en 2013.
O obxectivo desta iniciativa é sensibilizar á sociedade da necesidade de erradicar “entre todas e todos” a lacra da violencia machista e facer especial fincapé na poboación menor de 30 anos e maior de 65, dous dos sectores máis afectados por este problema.
Segundo explicou López Abella, tense detectado que a poboación máis nova está reproducindo de maneira preocupante un sexismo e uns estereotipos de xénero que parecían erradicados. No caso das mulleres maiores de 65 anos, a convivencia prolongada co agresor levan a cronificar e normalizar estas situacións.
A campaña desenvolverase en prensa, radio, televisión -coa colaboración da CRTVG- e nas redes sociais. Ademais, repartiranse 40.000 carteis por todas as vilas e cidades de Galicia co rostro dos protagonistas e o lema da campaña. Distribuiranse en locais comerciais, de hostalería, edificios públicos, concellos, centros de saúde, centros educativos e xulgados