Manuel Baltar, no primeiro debate do estado da provincia: ‘Temos que crer no mellor Ourense, o das nosas potencialidades’
- O presidente provincial basea «na transparencia, a unidade política e a rexeneración democrática os piares nos que se ten que asentar unha nova forma de facer política».
- Anunciou que presentará a súa candidatura para presidir a Deputación na vindeira lexislatura, e o «Plan OURENSE 15-19», «unha liña programática que terá 40 medidas innovadoras e de futuro para a provincia de Ourense».
- Convocará un «Cumio de alcaldes» para unha mellor cooperación, e elaborará un «Manual de acollida» para que os membros da Corporación provincial coñezan dende a súa chegada o funcionamento da institución.
- O pleno aprobou un total de 17 propostas de resolución referidas á transparencia, participación cidadá, xestión económica, emprego, sector vitivinícola, turismo, cooperación cos concellos, sectores produtivos e equilibrio territorial.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu hoxe no primeiro debate sobre o estado da provincia que se celebrou na institución provincial a necesidade «de crer no mellor Ourense, afastados de vitimismos». «Queremos futuro –remarcou- para destacar as potencialidades e singularidades da nosa terra, que nos darán, sen dúbidas, os éxitos que todos desexamos».
Baltar, quen anunciou que presentará a súa candidatura para presidir a Deputación na vindeira lexislatura, dixo que a transparencia, a unidade política e a rexeneración democrática «son piares básicos nos que se ten que asentar unha nova forma de facer política para uns novos tempos que demandan novas solucións a novos retos, onde a firmeza é fundamental porque o desencontro político aviva incertidumes na poboación e elo trae redución do gasto privado, diminución da produción e, en consecuencia, do emprego e do investimento». «Fronte a iso –expresou-, «temos desafíos claros: máis emprego e máis poboación, que son as nosas principais preocupacións. A suma perfecta para facer máis Ourense. Non nos fixemos só nas debilidades e nas ameazas, sen descoidalas por suposto. Fagamos fincapé nas nosas fortalezas e nas nosas oportunidades».
Nun discurso de fondo calado programático e institucional, o presidente do goberno provincial enumerou as que serán as medidas «de presente e futuro inmediato» que prevé levar a cabo, enmarcadas no novo proxecto de xestión que poría en marcha na vindeira lexislatura: o «Plan OURENSE 15-19», «unha liña programática con 40 medidas innovadoras e de futuro para a provincia de Ourense cun cronograma de medidas concreto, medido e precisado, para levarse a cabo coa máxima eficacia e para que teña os seus efectos dende o minuto un da súa posta en marcha», explicou o presidente.
No debate –o primeiro destas características que se celebra nunha deputación de Galicia- interveu primeiramente Manuel Baltar e, de seguido, os voceiros do BNG, PSOE e PP para presentar as correspondentes propostas de resolución, que foron debatidas posteriormente polos voceiros dos grupos políticos. O debate reanudouse cunha quenda de dúplica por parte do presidente, á que seguiu unha nova intervención dos voceiros, e pechouse o pleno coa intervención final do presidente e a votación das propostas de resolución e as emendas que se acordaron.
Ademais das dez propostas de resolución do grupo de goberno, as 10 novas medidas que anunciou o presidente Manuel Baltar foron as seguintes:
1.- O Observatorio Económico Provincial terá unha vertente demográfica, que avaliará tamén tanto a evolución destas décadas como as proxeccións poboacionais.
2.- Elaboración dun cuestionario sobre a transparencia e o acceso dos cidadáns á información municipal dos 92 concellos da provincia.
3.- Sinatura coa Xunta de Galicia do convenio para a execución do Plan Termal Provincial (o día 18 de novembro no Balneario do Carballiño), e no mes de decembro, reunión constitutiva do Consello Termal Ourensán. «Comeza o reto termal, así se acredita nos orzamentos da Deputación para 2015 co investimento máis elevado da historia en materia de termalismo», explicou o presidente.
4.- No mes de decembro Ourense acollerá o Foro Redepyme, que organiza o Goberno de España, evento orientado a sensibilizar a emprendedores e empresarios sobre a importancia de aplicar a innovación ás súas iniciativas empresariais.
5.- Posta en marcha dunha «Unidade administrativa de Mellora do servizos públicos«, relacionada coa xa creada de Transparencia e participación cidadá, pioneira na administración pública española.
6.- Elaboración dun Manual de acollida para as electas e electos provinciais, para axudarlles no proceso de incorporación á Corporación. Falo de establecer unha sistemática para garantir que os membros da corporación provincial reciban formación sobre as súas funcións e responsabilidades.
7.- Celebración do Consello provincial de alcaldesas e alcaldes ou Cumio provincial de alcaldesas e alcaldes co presidente da Deputación, para analizar propostas, formular preguntas e establecer canles de cooperación entre os máximos representantes dos concellos da provincia e o presidente da Deputación.
8.- Medidas de mellora da eficiencia e de transparencia en materia de contratación.- Pioneiros en materia de licitación electrónica liderando xunto á Deputación de Pontevedra, o Concello de Santiago e dúas entidades locais por determinar, o proxecto piloto promovido por AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).
9.- Eliminación do procedemento negociado sen publicidade a partir do 1 de xaneiro de 2015.- Integración do perfil do contratante da Deputación na Plataforma de Contratación do Sector Público (20 deputacións integradas a día de hoxe). Retransmisión de mesas de contratación e publicidade de tódolos contratos celebrados con independencia do procedemento de contratación.
10.- Creación da Rede provincial de museos.- Unha provincia rica en cultura, patrimonio, natureza e no carácter das súas xentes merece intensificar as accións coordinadas das administracións públicas, co liderado do seu goberno provincial, para incidir nas nosas posibilidades turísticas co turismo cultural ou o turismo termal como máximos referentes, sen descoidar a Estación de Montaña de Cabeza de Manzaneda.